Ir o contido principal

Unha estudante da Universidade de Monterrey gaña o II International Video Contest do Grupo Compostela de Universidades

O vídeo ‘Future’ presentado por María Fernanda Flota Rodríguez, estudante da Universidade de Monterrey (México) foi elixido esta mañá gañador do II Concurso Internacional de Vídeos feitos por Estudantes do Grupo Compostela de Universidades. O xurado, composto por cinco representantes de diferentes universidades da Asociación e a súa vicepresidenta, decidiu por unanimidade premiar este vídeo pola súa “excepcional orixinalidade e nivel técnico”. Ademais, destacou a alta calidade dos outros traballos presentados. Segundo indicou na súa ficha de inscrición, Fernanda Flota decidiu participar porque desexaba promover á UDEM e dar a coñecer internacionalmente “a experiencia única que ofrece aos seus estudantes, o seu fermoso campus e a súa excelencia académica”.

Participaron no certame 18 universidades que, tras realizar un concurso interno, debían enviar o vídeo gañador ao Grupo Compostela. A gañadora da fase internacional será convidada á Asemblea Xeral do Grupo Compostela, que este ano terá lugar en setembro en Nantes (Francia). Durante o evento, o vídeo será presentado pola súa autora, á que se lle entregará un diploma honorífico. Ademais, o seu traballo será difundido a través das diferentes canles de comunicación do Grupo Compostela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.07.2013.