Ir o contido principal

Estudantes de 35 países danse cita na USC para profundar na lingua e cultura españolas

A inauguración dos Cursos Internacionais de Verán será este martes 14 ás 19:00 horas no Paraninfo

Preto de trescentos estudantes de 35 nacionalidades de todo o mundo daranse cita a partir desta semana en Santiago para asistir aos seminarios que sobre lingua e cultura españolas organiza a oficina de Cursos Internacionais da USC.
A inauguración oficial terá lugar este martes 14, ás 19:00 horas no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia. Entre outros, contarase coa presenza do reitor Senén Barro; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; o xerente do Xacobeo, Ignacio Santos; a asesora do Ministerio de Educación, Política Social e Deportes, Rosa Rodríguez; o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Plo; e a xerenta de Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud.
No acto de apertura, no que Ignacio Santos pronunciará unha conferencia sobre o Camiño de Santiago e o Xacobeo 2010, estarán presentes os estudantes estranxeiros que participan nos Cursos de lingua e cultura españolas e os seus coordinadores, procedentes de universidades e centros de estudos de Estados Unidos, Canadá, Brasil e China. Tamén asistirán os estudantes que viaxaron pola súa conta dende os cinco continentes, chegados de Xapón, Suecia, Taiwán, Australia, Francia, Escocia, Noruega, Gran Bretaña, Alemaña, Italia e Indonesia.
Clases para profesores Por outra banda, no acto participarán os docentes estranxeiros de ensino secundario que van tomar parte nos programas de formación para profesores de español como lingua estranxeira, organizados por Cursos Internacionais da USC en colaboración co Ministerio de Educación, Política Social e Deportes e a Embaixada de España en EEUU e Canadá. Destaca entres estes o ‘Curso de lingua e cultura españolas. O Camiño de Santiago’, que ten como obxectivo perfeccionar a competencia lingüística e cultural no marco da historia e a actualidade do fenómeno xacobeo.
Estes profesores proveñen de países tan diversos como Estados Unidos, Italia, Brasil, Albania, Bulgaria, Eslovaquia, Hungría, Polonia, República Checa, Romanía, Rusia, Sirya, Turquía, Alemaña, Australia, Bélxica, Eslovenia, Irlanda, Nova Zelandia, Portugal e República Sudafricana.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.07.2009.