Estudantes chegados de máis de 250 países participan nos cursos de verán internacionais da USC

Cursos Internacionais da USC inaugurou o martes 15 no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia os seus cursos de verán de lingua e cultura españolas para estudantes estranxeiros e de formación para profesores de español como lingua estranxeira.
Ao Paraninfo universitario acudiron un total de 250 alumnos estranxeiros, os que participan nos Cursos de lingua e cultura e os seus coordinadores, procedentes de once universidades e centros de estudos de Estados Unidos, Canadá, Italia e Brasil; así como os que viaxaron pola súa conta dende os cinco continentes para facer estes cursos de verán na USC e que proceden de Portugal, Xapón, Polonia, Canada, Reino Unido, Brasil, Italia, Estados Unidos, Bélxica, Alemaña, Corea, Francia, Suíza, India, Romanía, Arabia Saudí, Indonesia, Noruega, Holanda, Austria , Grecia, Rusia, Malasia e Mozambique.
Ao acto oficial de apertura asistiron o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Plo; a xerenta de Cursos Internacionais da USC, Lanzada Calatayud; a concelleira de Educación e Normalización Lingüística de Santiago, Guadalupe Rodríguez; e a vogal do Ministerio de Educación, Política Social e Deportes, Victoria Hernández. Nesta cerimonia, o profesor Jacques de Bruyne, da Universidade de Amberes, pronunciará a conferencia inaugural ‘Introdución ao mellor libro de todos os tempos’.
Docentes estranxeirosNa inauguración participaron tamén os docentes estranxeiros, tanto de ensino primario como secundario, que van tomar parte nos Programas de formación para profesores de español como lingua estranxeira, organizados en colaboración co Ministerio de Educación, Política Social e Deportes e a Embaixada de España nos Estados Unidos, Canada, Marrocos, Polonia, Alemaña, Reino Unido e Italia, entre outros.
Para todos eles, Cursos Internacionais organiza programas formativos que comprenden clases de lingua para os estudantes e de didáctica e metodoloxía do ensino da lingua para os profesores. Asemade, os programas inclúen seminarios de cultura que achegarán aos participantes diferentes aspectos da realidade de España e de Galicia.
As clases da mañá complétanse cun programa de actividades culturais que inclúen visitas guiadas á cidade, ao Patrimonio da USC, sesións de cine, conferencias, e excursións dunha xornada os sábados.
Cursos Internacionais xestiona ademais o aloxamento dos participantes nos seus programas nas residencias universitarias, en pisos compartidos con outros estudantes ou con familias locais.
Concurso de fotografíaComo novidade, este verán convócase a primeira edición do Concurso de Fotografía ‘Compostelando’, co obxecto de que todos os estudantes estranxeiros capten a imaxe que reflicta a vida na Universidade compostelá e na cidade. Colaboran nesta iniciativa a Vicerreitoría de Cultura da USC e Santiago Turismo.