Ir o contido principal

Estudantes de Ciencias da Educación en etapa de posgrao intercambian esta semana as súas investigacións

Nun congreso a celebrar na Facultade do Campus Sur entre o 14 e o 16 de abril

O alumnado en etapa de posgrao de Ciencias da Educación das tres Universidades galegas exporá a partir deste mércores, 14 de abril, nun congreso as súas experiencias e investigacións. Coa iniciativa dos investigadores da USC trátase de crear un espazo aberto para a promoción, o intercambio e a discusión dos traballos desenvolvidos nas diferentes áreas de coñecemento do ámbito educativo.
O equipo organizador do II Congreso Galego de Investigación en Ciencias da Educación pretende tamén fomentar a cooperación entre os investigadores das diferentes áreas e reforzar o recoñecemento dos seus estudos como motor de desenvolvemento da sociedade actual “cara á mellora da realidade educativa e social”. Por outra banda, no congreso divulgarase a oferta existente en canto aos recursos e posibilidades económicas de axuda e financiamento para a investigación.
Trátase dun evento científico practicamente autofinanciado polos grupos de investigación e equipos vinculados á Facultade anfitrioa, o que lle dá mostra do interese dos convocantes por compartir as súas inquedanzas investigadoras.
Programa do mércoresO encontro, que se desenvolverá integramente na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur, comezará ás 10:00 horas cun acto de apertura que presidirá o decano Lois Ferradás. Seguiralle o catedrático de Didáctica e Organización Escolar da USC, Miguel A. Zabalza Beraza, coa conferencia ‘A situación dos estudos de Posgrao no contexto do Espazo Europeo de Educación Superior: cambios e novos retos’. Xa ás 12:30 horas intervirá o vicerreitor de Política Internacional da USC, Agustín Merino, para explicar os programas de mobilidade para investigadores en formación”.
Durante as tres xornadas que dura o congreso presentaranse numerosas comunicacións da autoría do persoal investigador participante. Pero ademais, a sesión da tarde do mércores contempla dous seminarios, un primeiro sobre o deseño do Proxecto de Tese de Doutoramento a cargo da catedrática de Didáctica e Organización Escolar da UVigo Mª Ángeles Parrilla, e un segundo sobre os programas de análise de datos cualitativos de man do profesor do Departamento de Socioloxía e Traballo Social da Universidade de Valencia, Miguel Vicente Mariño.
Vindeiros díasA xornada do xoves dará comezo coa presentación de comunicacións e inclúe unha conferencia sobre os aspectos a ter en conta para o desenvolvemento dunha tese de doutoramento a cargo dos profesores Rafael Bisquerra Alzina, da Universidade de Barcelona, e de José Luis Aróstegui Plaza, de Granada, prestixiosos metodólogos na área das Ciencias da Educación que tamén impartirán ese día dous talleres prácticos.
O congreso rematará o venres cunha mesa redonda ás 12:30 horas titulada ‘O investigador en ciencias da educación como profesional: saídas e novos nichos de emprego’

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.04.2010.