Ir o contido principal

Os estudantes dispoñen ata o 13 de xullo para solicitar aloxamento nas residencias coa fin de preparar os exames de setembro

O prazo para solicitar aloxamento durante o período comprendido entre o 10 de xullo e o 15 de setembro nas residencias universitarias Burgo das Nacións e Monte da Condesa, en Santiago, e na lucense Jesús Bal y Gay xa está aberto. Organizado pola Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, este programa de aloxamento diríxese a estudantes de primeiro, segundo e terceiro ciclo, posgrao, investigadores en formación, PAS, PDI e alumnos dos programas de intercambio da USC que xustifiquen debidamente os motivos da súa estancia.
O prazo de inscrición para os estudantes que pidan habitación coa fin de preparar os exames de setembro manterase aberto ata o 13 de xullo e para aqueles que precisen días soltos ou estadías superiores a un mes poderán facer a solicitude ata o venres 22 de xuño.
No campus de Compostela, os residentes durante este curso académico e os solicitantes de nova admisión aloxaranse na RU Burgo das Nacións, agás os xa membros da RU Monte da Condesa que manterán a mesma habitación se a estancia é igual ou superior a un mes.
PrezosOs solicitantes cuxa permanencia supere os trinta días e que xa viviran nas residencias universitarias durante o curso 2006-2007 continuarán pagando a mesma tarifa. Para o resto dos interesados, o prezo por un mes nunha habitación individual custará 199 e nunha dobre compartida 155 euros. No caso de aloxarse durante unha semana, os solicitantes pagarán 46 euros ou 36 euros e por un día aboarán 10 ou 8 euros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.06.2007.