Estudantes de doutoramento en Economía comparten as súas investigacións na USC con Geoffrey Hewings

Estudantes de doutoramento e doutores e doutoras recentes en Economía están a ter estes días a oportunidade de discutir os seus traballos de investigación co profesor Geoffrey Hewings, director e fundador do Regional Economics Applications Laboratory (REAL) da Universidade de Illinois at Urbana-Champaign (EE.UU.) e un dos maiores expertos do mundo en planificación económica rexional.
Nun encontro científico organizado polo grupo de investigación GAME e o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC, o profesor Hewings está a coñecer de primeira man once traballos realizados por persoal investigador da USC e outras catro universidades españolas –O viedo, Estremadura, Zaragoza e Las Palmas de Gran Canaria-. A xuntanza conta ademais coa asistencia do prestixioso profesor Bart Los, da Universidade de Groningen e editor da revista Economic Systems Research.
Entre outras cuestións, as investigacións que se presentan en Santiago versan sobre os factores de crecemento do emprego no mercado local en España, o emprego temporal nas actividades turísticas e as diferenzas rexionais, o turismo e a distribución da renda en Galicia ou os efectos macroeconómicos das medidas fiscais na UE.
Pioneiro
A aparición do REAL, que dirixe dende o principio o profesor Hewings, supuxo unha nova forma no quefacer dos institutos de investigación en economía aplicada do mundo por canto adoptou un enfoque eminentemente práctico –de aí a inclusión do termo ‘laboratorio’ na súa definición- á vez que tentaba desenvolver novas tecnoloxías nese campo de estudo e traballo. Ademais, foi un dos pioneiros na implicación, en materia económica, da actividade académica na sociedade á que se dirixe.
Geoffrey Hewings, profesor de Economía e Planificación Urbana e Rexional na Universidade de Illinois, foi ademais presidente da Asociación Internacional de Ciencia Rexional (RSAI) que aglutina principalmente a persoal investigador nos eidos da economía, a xeografía e o urbanismo.