Ir o contido principal

Estudantes de Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria visitan no Bierzo unha central hortofrutícola punteira

Estudantes e docentes da EPS, de visita a central hortifrutícola FrutiBierzo
Estudantes e docentes da EPS, de visita a central hortifrutícola FrutiBierzo
A delegación guiada polo profesor de Fruticultura da USC Julián García desprazouse ata a Estación de Avisos berciana e percorreu varias plantacións pola comarca

Unha delegación de estudantes matriculados na materia de Fruticultura do grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC visitou no Bierzo a central hortofrutícola FrutiBierzo no marco dunha viaxe de prácticas guiada polo profesor Julián García Berrios e durante a que os futuros enxeñeiros/as tiveron a ocasión de coñecer de primeira man cuestións ligadas á planificación, manexo e organización do traballo, así como outros aspectos relacionados coa xestión de fitosanitarios e de conservación da froita.

A expedición universitaria aproveitou a súa estadía na comarca berciana para desprazarse ata as instalacións da Estación de Avisos do Bierzo, un servizo que controla a xestión integral das pragas en fruticultura, así como diversas explotacións particulares de vide, pera, mazá e cereixa rexentadas por un enxeñeiro egresado da Escola Politécnica Superior da USC. O profesor Julián García Berrios salientou que esta visita de prácticas de marcado carácter académico permitiu aos estudantes acadar unha visión integral e completa dos diferentes procesos e factores a ter en conta nas plantacións e nas centrais hortofrutícolas en aras a optimizar os rendementos económicos. García Berrios agradeceu neste senso a colaboración recibida do técnico de campo de FrutiBierzo Rubén Prada Aira, quen logo de explicar o funcionamento e os distintos procesos que caracterizan a actividade diaria da central, tamén abordou co estudantado outros aspectos relacionadas coa organización e o manexo das parcelas con plantacións, dos mecanismos existentes para protexer os froitos das xeadas, así como das vías e modelos de comercialización destes produtos e incluso das marxes de beneficios económicos que reportan. Visitas á Estación de Avisos do Bierzo e a unha plantación de perais

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2016.