Estudantes estranxeiros achégannos os seus países no ‘International Day’

Os estudantes estranxeiros no Campus de Santiago son estes xoves os protagonistas do International Day que se celebra nun ambiente distendido e festivo na Facultade de Xeografía e Historia co fin de achegar as súas universidades e culturas á comunidade da USC. Esta xornada, organizada en colaboración coa Asociación Enxebre Compostela, celebrarase o vindeiro día 14 en Lugo. Nesta segunda convocatoria do International Day participan estudantes de Italia, Polonia, Inglaterra, Rusia, Xeorxia, México, Perú, Chile, Arxentina, Nicaragua, Bolivia, Venezuela, Turquía, Uzbekistán, Kazajistán e Tajikistán, que presentan os seus países de orixe, con referencias á xeografía, historia, gastronomía e mesmo á vida estudantil en diferentes postos e presentacións preparadas por eles mesmos. A inauguración tivo lugar no claustro da planta baixa da Facultade nun acto que presidiu o reitor, Juan Casares Long, e ao que asistiu a vicedecana do centro, Carmen Rodríguez. Todas as persoas asistentes teñen tamén a oportunidade de degustar alí pratos típicos elaborados polos estudantes estranxeiros antes de volver ás presentacións, que se repiten pola tarde. A xornada remata no Café Concerto Retablo (Rúa Nova, 13), ás 22:00 horas, coa entrega de premios aos mellores stands e presentacións. Coa celebración deste xornada preténdese que os estudantes, docentes e persoal da USC coñezan de primeira man outros países, así como as oportunidades de estudo e traballo que ofrecen a través do contacto directo e o intercambio de experiencias cos alumnos estranxeiros.