Estudantes estranxeiros da USC mostran os seus países á comunidade universitaria de Santiago e Lugo
Os estudantes estranxeiros no Campus de Santiago serán estes xoves, 2 de decembro, os protagonistas do International Day que se celebrará nun ambiente distendido e festivo na Facultade de Xeografía e Historia co fin de achegar as súas universidades e culturas á comunidade da USC á vez que se promove a mobilidade. Esta xornada celebrarase o día 14 en Lugo. Estudantes de Turquía, Filipinas, Bangladesh, Francia, Tajikistán, Kirguistan, Polonia e Grecia presentarán os seus países de orixe, con referencias á xeografía, historia, gastronomía e mesmo á vida estudantil en diferentes postos e presentacións preparadas por eles mesmos. As mellores presentacións e stands recibirán un premio económico que se entregará ese mesmo día nunha festa no Pub Retablo. Coa celebración deste xornada, en colaboración coa Asociación Enxebre Compostela, preténdese que os estudantes e docentes da USC coñezan de primeira man outros países, así como as oportunidades de estudo e traballo que ofrecen a través do contacto directo e o intercambio de experiencias cos alumnos estranxeiros.