Os estudantes estranxeiros da USC presentan en Lugo as universidades e culturas dos seus países
O alumnado estranxeiro do campus de Lugo será o protagonista da primeira xornada do ‘International Day’ que se celebrará este mércores 20 na Escola Politécnica Superior co fin de achegar as súas universidades e culturas á comunidade da USC á vez que se promove a mobilidade.
A inauguración en Lugo do ‘International Day’, organizado pola Vicerreitoría de Política Internacional en colaboración coa Asociación Enxebre Compostela, será ás 11:00 horas e contará coa presenza do vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Jesús Casabiell, e do director da EPS, Javier Bueno.
No acto, estudantes de Turquía, Filipinas, Uzbekistán, Italia, Portugal e Chequia presentarán os seus países de orixe, con referencias á xeografía, historia, gastronomía e mesmo á vida estudantil dos mesmos, en diferentes postos e presentacións preparadas por eles mesmos. As mellores iniciativas recibirán un premio económico de 150 euros. Ademais, o persoal técnico da Oficina de Relacións Exteriores presentará os programas de mobilidade da USC.
‘O International Day’ contempla tamén diversas actividades culturais. Así, a alumna turca Esma Gamza interpretará o ney, instrumento típico do seu país, e a Compañía de Teatro do Campus de Lugo e o Espazo de Danza Universitaria da USC porán en escea cadansúa performance.
Coa celebración desta xornada preténdese que os estudantes e profesores da USC coñezan de primeira man outros países, así como as oportunidades de estudo e traballo que ofrecen a través do contacto directo e o intercambio de experiencias cos alumnos estranxeiros.
Campus de SantiagoNo campus de Santiago, o ‘International Day’ celebrarase este xoves 21 na Facultade de Xeografía e Historia, con presentacións de estudantes de Turquía, Filipinas, Kirguizistán, Uzbekistán, Alemaña, Bangladesh, Francia, Brasil, Italia, Tayikistán, Perú, Polonia, Grecia, Lituania, Portugal ou Xapón.
Os estudantes do campus de Lugo que desexen asistir poden facelo nun autobús que sairá ás 15:00 horas dende a Facultade de Veterinaria e que volverá á cidade ás 23:00 horas.