Ir o contido principal

Estudantes de Física, Matemáticas e Informática, á procura dos seus primeiros traballos

O Foro de Emprego para alumnado de Física, Matemáticas e Informática afianzará un punto de encontro entre universitarios das tres titulacións que buscan o seu primeiro emprego e empresas buscando aos mellores profesionais. Con esta finalidade o Foro vai abrir as súas portas o vindeiro luns, día 10, na Facultade de Matemáticas onde permanecerá aberta ata o día 18 de maio.
Esta iniciativa, comprendida como un mecanismo que busca facilitar a empregabilidade, diríxese a estudantes de últimos cursos e titulados recentes das licenciaturas de Física e Matemáticas así como do grao en Enxeñaría. No caso dos alumnos de últimos cursos que se inscriban, poderán validar a súa asistencia por un crédito de libre configuración.
Actualmente, xa teñen confirmada a súa presenza un nutrido grupo de empresas e institucións entre as que se atopan Blusens Technology, Caixa Galicia, Cesga, Cesoga, Coritel, Eures-Euroconsejero A Coruña, Everis, IGE, Indra, Ozona Consulting, R, Tecnocom, ademais da Dirección Xeral de Promoción de Emprego da Consellaría de Traballo e a Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social a través dos seus Servizos de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE).
As empresas e entidades participantes no Foro farán as súas presentacións e o alumnado poderá achegarse cos seus currículos e coñecer de primeira man como son os procesos de selección, tendo así unha grande oportunidade de coñecer o que as diversas firmas buscan nos candidatos. Ademais, algunhas realizarán probas de selección ou entrevistas de traballo e recollerán currículos dos asistentes que desexen entregalo.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á Secretaría da Facultade de Matemáticas no teléfono 981 563 100, extensión 13130, ou a través no enderezo de correo electrónico zmatdeca [at] usc.es (zmatdeca[at]usc[dot]es)

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.05.2010.