Estudantes e investigadores de Irlanda e Galicia analizan en Santiago o proceso de cambio económico nestes países nas tres últimas décadas
Estudantes, profesores e investigadores de Xeografía Humana da University College Cork de Irlanda e do Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio da Universidade de Santiago participarán este martes, 1 de abril, nunhas aulas conxuntas en santiago.
Coa actividade, que terá lugar ás 20:00 horas na sala de xuntas da Facultade de Xeografía e Historia, búscase abrir un foro de debate acerca das afinidades e diferenzas existentes no proceso de cambio e desenvolvemento económico experimentado por galegos e irlandeses no período 1970 a 2000. As aulas están coordinadas, entre outros, por Patrick O´Flanagan, Carlos Ferrás e Xosé Carlos Macía.
O grupo de alumnos e profesores irlandeses inician así unha visita de estudo a Galicia na que coñecerán diferentes cidades, empresas, universidades así como comarcas e comunidades rurais nas Rías Baixas e nos Ancares-Courel. Esta actividade organízaa anualmente o grupo irlandés a algunha rexión europea formando parte das actividade obrigatorias do seu plano docente.