Ir o contido principal

Estudantes do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC proxectan instalacións cubertas multiusos para o parque urbán do Miño en Lugo

Proxecto de edificación realizado por Laura Gonzalo e que acadou o primeiro premio do xurado
Proxecto de edificación realizado por Laura Gonzalo e que acadou o primeiro premio do xurado
As tres propostas galardoadas polo xurado avaliador abranguen unha superficie de 1.500 metros cadrados e caracterízanse por unha arquitectura integrada na contorna

A Plataforma da Madeira Estrutural da USC (Pemade) presenta diversas propostas para acometer a edificación dunha estrutura cuberta de maderia para usos variados ou múltiples na superficie axardiñada que se atopa entre o Pazo de Feiras e Congresos e o río Miño. O deseño e posterior construción desta nova edificación, que, de executarse, serviría para aumentar as dotacións existentes nesta zona do parque periurbano do río Miño ao seu paso pola capital luguesa centrou o proxecto final dos 23 estudantes que completaron o Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural, un posgrao propio da USC dirixido polo catedrático Manuel Guaita.

A edificación proposta para o proxecto final da quinta edición do Máster de Enxeñaría da Madeira Estrutural xurde da idea do director do máster de aproveitar o coñecemento adquirido polos estudantes ao longo deste posgrao para tratar de dar resposta e, de ser o caso, solucionar unha das eivas advertidas neste espazo verde e de lecer situado a carón da cidade. “Creo que sería bo para os lugueses contar cunha infraestrutura deste tipo no parque do Miño”, sinala o profesor Manuel Guaita, quen salientou que os retos construtivos propostos no Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural buscan sempre reverter de xeito positivo na sociedade luguesa. A autoría do tres proxectos seleccionados polo xurado encargado de avaliar as propostas presentadas a concurso e premiadas cunha dotación económica de 800, 450 e 200 euros, respectivamente, corresponden á arquitecta de Valladolid Laura Gonzalo, que acadou o primeiro premio, ao arquitecto sevillano Antonio José Lara, que foi o segundo clasificado, e a tamén arquitecta navarra Ekiñe Ruiz, que mereceu o terceiro premio. Os proxectos elaborados por estes tres alumnos suxiren solucións moi diferentes, aínda que todas elas atractivas. Así, gañadora Laura Gonzalo optou por emular en madeira o edificio ‘Los Manantiales’ de México, obra de Félix Candelas. Esta singular construción, formada por la intersección de 4 paraboloides hiperbólicos, está levantada en formigón, a diferenza da proposta feita por Gonzalo, que empregaría o pino pinaster como material de construción. A solución presentada polo sevillano Antonio José Lara antóllase tamén como unha construción vistosa e funcional, ao tempo que reflexa as potencialidades que pode ofrecer a madeira como material flexible. O resultado deste proxecto, tralo que se agocha un exhaustivo traballo de investigación, propón ademais da edificación en si mesma, unha sorte de prolongación a modo de embarcadoiro sobre o río Miño. O traballo elaborado por Ekiñe Ruiz responde a unha arquitectura máis sobria e de planta rectangular. Unha proposta que preserva un amplo espazo diáfano, apto para o desenvolvemento de actividades e prácticas moi diversas e que, do mesmo xeito que os outros dos proxectos distinguidos, responde aos principios de sostibilidade e funcionalidade, ao tempo que amosa unha das múltiples solucións arquitectónicas ás que pode dar resposta a madeira como material construtivo. Os autores dos tres proxectos evidenciaron nas memorias dos seus respectivos proxectos a viabilidade executiva dos mesmos. O orzamento de cada unha das actuacións é diferente e varía entre os preto de 500.000 euros da proposta de Ruiz ata os 800.000 euros que podería custar executar calquera dos outros dous proxectos. Aínda así, estas cifras son estimativas e só son válidas para estruturas cubertas que abrangan unha superficie de 1.500 metros cadrados, tal e como se indicaba nas directrices do máster. O director do Máster en Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC, o catedrático Manuel Guaita, sinalou neste senso a alta calidade de todas as propostas premiadas, ao tempo que precisou que a súa execución faría preciso acometer algún tipo de adaptación ou axuste menor dos proxectos iniciais. Outros proxectos galardoados, obra dos arquitectos Antonio Lara, á esquerda, e Ekiñe Ruiz

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.07.2014.