Ir o contido principal

Estudantes da materia Socioloxía das Organizacións visitaron o Centro Superior de Hostalaría de Galicia

Estudantes da materia Socioloxía das Organizacións visitaron o Centro Superior de Hostalaría de Galicia
Estudantes da materia Socioloxía das Organizacións visitaron o Centro Superior de Hostalaría de Galicia
Comprobaron o funcionamento e estrutura organizativa da Escola, similar ao desenvolvemento pedagóxico da propia materia da USC

Un grupo de estudantes de Ciencias Empresariais de México, Bélxica, Italia, Austria, República Dominicana e España, matriculados todos eles en Socioloxía das Organizacións, visitaron o Centro Superior de Hostalaría de Galicia.
Recibiunos o director da Escola, Xosé Paz Gestoso, quen lles lembrou o obxectivo da organización que dirixe, “potenciar os recursos humanos e sociais dun sector económico -o turismo- que conta con sesenta millóns de clientes en España e preto de seis en Galicia”. Pola súa banda, o xestor de Marketing Antonio Vázquez Sanmartin presentoulles o modelo organizativo da Escola á vez que os acompañou nunha visita guiada ás instalacións.
A dimensión que máis interese espertou entre os estudantes é a combinación de ensinanzas teóricas e práctica real ao largo de todo o curso, contando o centro con unidades experimentais que simulan os procesos de execución das principais actividades dunha gran cadea hoteleira. Así, durante os diferentes cursos os alumnos realizan todas as tarefas dos distintos procesos asumindo entre todos a responsabilidade completa do seu funcionamento baixo a supervisión de profesores.Socioloxía das OrganizaciónsDe xeito similar a este centro, a materia Socioloxía das Organizacións que imparte o profesor José Pérez Vilariño no terceiro curso de Ciencias Empresariais está concibida tamén a partir dunha metodoloxía activa e experimental.
Os estudantes traballan en rede asumindo progresivamente a iniciativa na xestión do curso, pasando o profesor a converterse nun recurso dispoñible en función da actividade do grupo e de cada alumno. A lóxica da clase trata de simular o xurdimento dunha organización en rede, neste caso con amplos lazos internacionais.
Para axilizar a integración do grupo e a comunicación co profesor, desempeñan un papel estratéxico os coordinadores, estudantes voluntarios dispostos a exercitar habilidades de liderado que se encargan de redefinir cada día as tarefas concretas da axenda, conseguir fondos para os viaxes e xestionar as relacións coas organizacións ou empresas a visitar. Este curso ese papel asumírono o mexicano Gilberto Spencer, o compostelán Pablo Caamaño e o austríaco Christoph Kuh.
Ata o momento, os alumnos visitaron, entre outras, FINSA, ENCE, REPSOL, o Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, o Centro Comercial Urbano Zona Monumental de Pontevedra, a Asociación Forestal de Galicia e Autopistas del Atlántico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2008.