Estudantes de Óptica e Optometría da USC gañan en Budapest a fase europea do OptiStudent Award

As estudantes de cuarto curso do grao en Óptica e Optometría Miriam Rouco Pais e Cristina Rodríguez Pérez gañaron o primeiro premio da fase europea do OptiStudent Awards 2025, concurso anual no campo das lentes de contacto promovido polo laboratorio CooperVision no que compite o mellor estudantado de universidades de Europa, Oriente Medio e África coa fin de animalo a investigar e motivalo para acadar a excelencia nos seus estudos.
A competición tivo lugar en Budapest, a onde acudiron acompañadas do seu titor académico, Jacobo García Queiruga, e nela as dúas estudantes da USC destacaron pola calidade e claridade de exposición do seu traballo, que defenderon en inglés diante dun tribunal experto, e que tratou sobre os cambios na temperatura ocular inducidos por lentes de contacto diarias.
Na final europea deste ano o equipo da USC, que representaba España e Portugal, competiu contra as Universidades de Jena (Alemaña), Dania Academy (Dinamarca), Cardiff (Reino Unido e Irlanda) e Czech Technical (República Checa).
O tribunal estivo composto por recoñecidos e recoñecidas optometristas de todo o mundo como o decano da Universidade de Aston (Reino Unido), James Wolffsohn; o decano da Cologne School of Optometry (Alemaña), Stefan Bandlitz; a presidenta da British Contact Lens Association (Reino Unido), Byki Huntjjens; e a co directora do Instituto Nacional da Visión (España), Elena García Rubio.