Ir o contido principal

Estudantes de Ourense e de Guitiriz gañan a fase galega e provincial do campionato de modelado 3D con móbil

Organizadores e promotores do campiaonto xunto cos premiados na fase autonómica e provincial, na Escola Politécnica de Lugo
Organizadores e promotores do campiaonto xunto cos premiados na fase autonómica e provincial, na Escola Politécnica de Lugo
O vicerreitor Pedro García Herradón entrega na Escola Politécnica os premios da D3Mobile Metrology League, na que participaron 1.126 alumnos de 126 centros

Estudantes do IES Blanco Amor, de Ourense, e do IES Poeta Díaz Castro, do concello lucense de Guitiriz, proclamáronse campións da fase rexional e provincial, respectivamente da primeira edición do campionato de modelado 3D con teléfono móbil D3Mobile Metrology League, organizado polo grupo de investigación para a documentación en 3D, USCAN3D, da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da Universidade de Santiago, e no que tomaron parte un total de 1.126 estudantes de 4º da ESO e de BAC de 126 centros educativos españois.

Os estudantes do IES Blanco Amor de Ourense integrantes do equipo Noespa, David Nóvoa, Pablo Estévez e Iván Pazo, que contaron no seu proxecto co apoio da profesora Aurora Valdonedo, mereceron o premio autonómico por un proxecto de modelado en 3D con teléfono móbil desenvolvido baixo o título ‘Caballo tallado a mano’. Asemade, o equipo Agustín, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, formado por Óscar López, Martín Fernández e David Pena, que tiveron como titor ao profesor Emilio Losada, acadaron o premio provincial por ‘Disco Duro’. O equipo ourensán concluíu o primeiro campionato de modelado 3D con teléfono móbil na sexta posición, mentres que o conxunto lugués acadou una meritoria vixésima praza na clasificación xeral, encabezada polo equipo Tecnosang 4.2, do IES A Sangriña, de A Guarda, seguido de D3Makers, do IES Marratxí, de Mallorca, que rematou segundo. A terceira praza desta competición, pioneira a nivel mundial, foi para Trébol, un equipo integrado polos estudantes do IES Ponte Caldelas de Pontevedra Adrián García e Jonathan Rodríguez. O coordinador deste equipo, o profesor Alberto Mendoza, tamén recolleu este martes o correspondente agasallo na Escola Politécnica en representación dos estudantes galardoados. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presidiu este martes a entrega dos premios dos gañadores das categorías autonómicas e provincial no transcurso dun acto celebrado na Escola Politécnica do campus de Lugo, onde se deron cita os seis alumnos galardoados, así como os profesores que coordinaron e supervisaron os seus respectivos proxectos, ademais de representantes das distintas institucións, entidades e empresas que fixeron posible este proxecto. García Herradón salientou que este tipo de proxectos educativos favorecen a conexión da Universidade de Santiago co ensino medio, unha nova dimensión na que deben afondar as universidades para captar alumnado, dixo. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo aproveitou este acto para trasladar os seus parabéns aos galardoados, así como aos membros do grupo de investigación USCAN3D da USC, Mariluz Gil, Juan Ortiz, Teresa Rego e Santiago Martínez, por completar con éxito esta iniciativa, ademais de a todas aquelas entidades, institucións e empresas que apoiaron o proxecto. O subdirector xeral da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Manuel Vila López, destacou a importancia da D3Mobile Metrology League, un proxecto feito en Galicia e desde Galicia para o mundo e que sintetiza os mellores valores do sistema educativo. O vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, subliñou tamén esta mesma idea, mentres que o coordinador de proxectos da Fundación Vodafone España, Rosendo Amor Fernández, destacou que este tipo de campionatos permiten dar conta das múltiples aplicacións para a vida cotiá que teñen os dispositivos móbiles. O director da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, Javier Bueno Lema, abundou nos parabéns aos galardoados neste campionato de modelado 3D con teléfono móbil, ao tempo que fixo fincapé nas múltiples aplicacións tecnolóxicas que xa se están a por en marcha nos sectores agronómico e forestal, dúas grandes áreas nas que se centran boa parte das enxeñarías impartidas na Escola Politécnica de Lugo. Os rapaces galardoados na fase autonómica e provincial da D3Mobile Metrology League recibiron cadansúa ‘tablet’ como agasallo, un premio que tamén se entregará o vindeiro xoves 20 de xuño, no Real Observatorio de Madrid, aos compoñentes do Tecnosang 4.2, do IES A Guarda, como gañadores deste primeiro campionato nacional, e ao equipo 3D Makers, do IES Marratxí, de Mallorca, que rematou a competición como segundo clasificado.

O profesor da USC e coordinador da primeira edición da D3Mobile Metrology League, Juan Ortiz, adiantou nesta cerimonia de entrega de premios que o grupo de investigación USCAN3D da Universidade de Santiago xa está a traballar na organización dunha segunda edición deste campionato de modelado 3D con teléfono móbil, un torneo que quere acadar unha dimensión internacional, dixo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2013.