Estudantes de Ponteareas e de Asturias participan na Escola Politécnica nunha xornada sobre agricultura ecolóxica

Uns 80 estudantes de ensino medio no CIFP de Ponteareas e do IES de Luces, de Asturias, participaron este xoves na Escola Politécnica Superior nunha xornada sobre agricultura ecolóxica, que serviu de peche das actividades académicas promovidos por estes dous centros educativos no marco dun proxecto de colaboración para a creación dunha rede de recursos docentes en familias profesionais minoritarias como a familia agraria e que recibe financiamento do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
O director da Escola Politécnica Superior, Tomás Cuesta García; Carlos Durán, do IES de Luces; e María Jesús Pena, do CIFP A Granxa de Ponteareas, foron os encargados de dar a benvida aos estudantes preuniversitarios no salón de actos da EPS. O profesor da USC na EPS e vicepresidente da Sociedade Española de Agricultura Ecolóxica (SEAE), Xan Neira, abriu a quenda de exposicións desta xornada cun relatorio baixo o título ‘Por qué agricultura ecolóxica?’. Unha charla sobre xestión e fertilidade en agricultura ecolóxica, a cargo do consultor en agricultura ecolóxica José Carlos Brea completou o programa en quenda de mañá.
A xornada ‘A agricultura ecolóxica ou a necesidade de lóxica na agricultura’ chegou ao seu remate en quenda de tarde cunha exposición sobre a xestión agroecolóxica no cultivo de froiteiras e hortalizas, un tema sobre o que falou o enxeñeiro agrónomo e profesor de Fruticultura e Produción Ecolóxica na Escola Superior de Agricultura de Barcelona.