Estudantes de posgrao de Filoloxía Inglesa de Finlandia, Ucraína, Alemaña, Francia, Bélxica, Sudáfrica e España presentan as súas investigacións esta fin de semana na USC
Estudantes de posgrao dos departamentos de Inglés das universidades de Santiago e Vigo organizan este sábado 10 e o domingo 11 o ‘First ELC International Postgraduate Conference on English Linguistics (ELC1)’, congreso no que se van dar cita estudantes de posgrao procedentes de Finlandia, Ucraína, Alemaña, Francia, Bélxica, Sudáfrica e España.
O principal obxectivo do congreso ELC1, que se vai celebrar na Facultade de Filoloxía da USC, é o de ofrecer aos estudantes que están realizando a súa tese de doutoramento a oportunidade de presentar os seus traballos de investigación relacionados coa lingüítica nun “contorno informal e intelectualmente estimulante”, apuntan os promotores.
Nesta primeira edición, o programa inclúe a presenza de tres conferenciantes de renome internacional que exporán os seus traballos no transcurso doutras tantas sesións plenarias. Así, Ingo Plag, da Universidade de Siegen, pronunciará a conferencia ‘Creoles as interlanguages: predictions and implications’; Geoffrey K. Pullum, da Universidade de Edimburgo, falará sobre “The discipline where time stood still: stagnation in the study of English grammar, and what we can do about it”; e Antonella Sorace, tamén deEdimburgo, presentará a intervención titulada “Variation and instability in bilingual speakers: seeing both the forest and the trees”.
Este encontro conta co apoio das universidades de Santiago e Vigo e do English Linguistic Circle, un foro de debate do que forman os grupos Variation, Linguistic Change and Grammaticalisation; Santiago University Learner of English Corpus, ambos os dous da USC; e o Language Variation and Textual Categorisation, de Vigo. Todas as persoas interesadas, poden acadar máis información sobre este congreso no web http://www.elc-postgraduateconference.es/index.html.