Os estudantes da residencia Bal e Gay cultivan todo tipo de produtos en hortos urbanos instalados no propio edificio
Nas terrazas e outros espazos exteriores da residencia de estudantes Bal e Gay de Lugo medran espinacas, acelgas, cenorias, amorodos, chícharos e ata patacas. “Tiñamos tamén leitugas, pero non nos foron arriba, porque non empregamos ningún tipo de produto químico para o seu coidado e colleron un verme que as estragou; e das patacas non sabemos, por arriba parece que van medrando, pero ata que as recollamos non veremos o resultado”, explica Adrián Novo, bolseiro de medio ambiente. A presenza destes cultivos nun contorno tan pouco habitual débese á bolsa de Aula Verde, que recentemente recibiu un dos premios outorgados polo proxecto USC en Transición. Ademais do seu responsable, na iniciativa participan máis de vinte residentes que colaboran nas tarefas de construción das zonas de produción hortícola, sementeira, rega, limpeza ou control de parasitos. Todos os elementos empregados para a elaboración dos hortos urbanos e invernadoiros proceden de materiais de refugallo, e entre eles pódense atopar desde palés de madeira para o transporte de mercadorías ata plásticos de embalaxe, pasando por vellos comedeiros para o gando cedidos polo hospital veterinario Rof Codina, situado a carón da residencia. “A iniciativa non consiste só na plantación de cultivos, senón que se enmarca nunha estratexia máis ampla: a reutilización, a seguridade alimentaria e o autoconsumo. Por iso, como peche da actividade queremos facer un curso de cociña ecolóxica no que as materias primas serán os produtos procedentes dos hortos”, indica Adrián. Ademais desta actividade, a bolsa de medio ambiente organiza outras como compostaxe, reciclaxe de vidro e papel, obradoiros de tinguido de camisetas vellas ou elaboración de malabares a partir de materiais de refugallo, charlas informativas sobre alimentación saudable e consumo responsable ou recollida de tapóns para fins solidarios. Arredor da metade dos máis de 90 estudantes da residencia Bal e Gay participaron directamente nalgunha destas iniciativas, entre as que a actividade estrela, nunca mellor dito, foi un taller de observación do ceo para falar sobre as constelacións e a contaminación lumínica nas zonas urbanas, e á que asistiron máis de trinta residentes.