Estudantes de secundaria e bacharelato visitarán o Campus de Excelencia Internacional da USC
Estudantes de secundaria e bacharelato de toda Galicia achegaranse durante os vindeiros día 25 e 26 ao Campus de Excelencia Internacional da USC para coñecer de primeira man como traballan os investigadores galegos neste Campus de referencia no eido das Ciencias da Vida. “O Camiño da Ciencia, o Camiño da Vida” é unha iniciativa da USC que se enmarca na Semana da Ciencia 2010 co obxecto de achegar aos estudantes á realidade investigadora, coñecendo as investigacións que se realizan nos centros de referencia, a aplicación práctica á saúde que teñen estas investigacións e a súa repercusión na sociedade.
A primeira quenda destas visitas celebrarase estes mesmo xoves 25 comezando ás 11:30 horas no Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares. O percorrido continuará pola Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación, o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas, a Fundación IDICHUS nas instalacións do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a Fundación Galega de Medicina Xenómica e para rematar no edificio Emprendia.