Estudantes de secundaria de Compostela familiarízanse na USC coa investigación con células nai

Preto de 250 estudantes de seis centros de secundaria de Compostela coñecerán de primeira man as particularidades da investigación con células nai, dende os conceptos básicos e aplicacións actuais ata as limitacións para a súa aplicación e manexo. Estes son os contidos das xornadas Unistem Day 2014 cuxa celebración se desenvolve simultaneamente este venres 14 en 45 universidades europeas de Irlanda, Reino Unido, Suecia, Italia e España coa participación de máis de 20.000 estudantes de secundaria. A Facultade de Medicina da USC é un dos seis centros que acollen esta iniciativa en España. A xornada brinda unha oportunidade para a aprendizaxe, o descubrimento e o debate sobre a investigación con células nai, así como para a reflexión sobre as expectativas que suscitan estes estudos. Preténdese estimular o interese e as vocacións dos máis novos pola investigación científica a partir do coñecemento destas células e mostrarlles as liñas de investigación que se realizan dende a USC. A participación española complétase coas achegas das Universidades de Barcelona, Murcia, Valladolid, Autónoma de Madrid e Autónoma de Barcelona. O encontro realízase no marco da Rede de Terapia Celular e está coordinado polo investigador da Facultade de Medicina da UB, Josep M. Canals. En Compostela, o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, e o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal, darán a benvida ás 9.00 horas aos participantes á xornada que se desenvolverá no Salón de Actos da Facultade. Logo dunha serie de conexións coas outras universidades nacionais participantes así como con centros de Italia, comezarán as charlas cunha sesión introdutoria ás células nai que impartirán Carmen Díaz Ruiz e Ana Isabel Rodríguez Pérez. Continuarán a quenda de intervencións Pablo Garrido e Mª Begoña Villar Cheda falando dos ‘ Avances, limitacións e perspectivas de futuro das células nai’ e Jannette Rodríguez Pallares, Ana María Muñoz Patiño e Juan Parga Martín para referirse á terapia celular. Xogo de rol Entre as actividades que se realizarán, os/as estudiantes de secundaria participarán nun xogo sobre o uso das células nai no que se deberán completar as fases que segue unha delas para a rexeneración dun óso ou ordenar cartas de pistas para construír o proceso que experimenta unha destas células no seu desenvolvemento. O xogo deseñárono Mónica Pardo e Gerardo García, investigadores do Departamento de Bioloxía Celular, Inmunoloxía e Neurociencias da Universidade de Barcelona.