Estudantes de Secundaria de Lugo aprenderán a facer plásticos e a identificar os microfungos do ambiente
Un grupo de estudantes de cuarto da ESO e de primeiro de bacharelato de centros de ensino secundario de Lugo incorporaranse este curso académico aos grupos de investigación do campus de Lugo grazas ao programa Initia, que acada a súa terceira edición fomentando o interese dos estudantes pola ciencia e a tecnoloxía e achegándoos aos medios e infraestruturas das que dispón a USC.
A nova edición deste programa foi presentada este luns polo Vicerreitor Adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Jesús Casabiell, o Xefe Territorial en Lugo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Ramos Ledo, e o presidente da ‘Sección Ibérica. Sigma Xi, The Scientific Research Society’ e coordinador do programa, Urbano Fra, na Escola Universitaria de Formación de Profesorado de Lugo.
Este curso, o programa Initia incorpora proxectos novos titorizados polos profesores Francisco Fraga, Rosana Vázquez e Marcelino Maneiro. No proxecto de investigación encabezado por Francisco Fraga, os estudantes aprenderán cómo fabricar plásticos, no de Rosana Vázquez analizarán e identificarán os microfungos presentes no ambiente, e no proxecto titorizado por Marcelino Maneiro abordarán o branqueo de pasta de papel con axentes non organoclorados e, polo tanto, non tóxicos para o entorno.