Estudantes da titulación de Mestre en Educación Primaria desenvolven unha serie de propostas coas que poñen en relación a práctica artística e o espazo educativo

Estudantes da materia de Didáctica da Educación Visual e Plástica da titulación en Mestre especialidade en Educación Primaria da Facultade de Ciencias da Educación están a desenvolver ao longo do presente mes de maio unha serie de propostas artísticas coas que se pretende involucrar aos mestres en formación para que definan os problemas que existen nos centros educativos por medio da educación artística.
Enmarcadas no proxecto que dirixen os profesores Mª Jesús Agra Pardiñas e José María Mesías lema ‘Espazo Educativo, espazo estimulante?’, as accións dos estudantes son o resultado dun proceso de aprendizaxe artístico e permitirán a construción dunha estrutura didáctica para a práctica docente dun mestre de artes visuais. O obxectivo da iniciativa é que a través das accións artísticas que os estudantes están a desenvolver se cuestione e se recollan as distintas voces dos elementos que conviven dentro dun mesmo espazo educativo.
Coa posta en marcha deste proceso de aprendizaxe artística, os responsables do proxecto agardan que xurdan novas ideas sobre o que é preciso ser mellorado ou transformado, “do que se bota en falla, do que sobra ou mesmo da idea de educación que está detrás da estética e organización do espazo educativo”.
As próximas intervencións dos estudantes celebraranse os días 29 e 30 na Facultade de Ciencia da Educación do Campus Norte baixo o lema ‘¿Que é para ti o espazo educativo? ¡Axúdanos a melloralo!’. Este proxecto continuará o vindeiro mes de xuño coa publicación dun catálogo, ao que se lle sumará a súa proxección pública cunha mostra no Centro Galego de Arte Contemporánea coincidindo coa celebración dunhas xornadas internacionais sobre ‘Espazos compartidos entre a Arte e a Educación. Arte no contexto’, organizadas conxuntamente pola USC e o CGAC.