Ir o contido principal

Estudantes xaponeses de turismo participan nun curso de lingua e cultura española na USC

A estancia, organizada por Cursos Internacionais da universidade compostelá, estenderase ata o vindeiro 4 de marzo

Un grupo de doce alumnos da Universidade de Wakayama (Xapón) chegaron este luns 14 a Santiago para participar no curso de lingua e cultura española, promovido por Curso Internacionais da USC. Os estudantes, que permanecerán en Compostela ata o vindeiro 4 de marzo, realizarán un programa intensivo, no que ademais de clases de lingua española, experimentarán a inmersión na cultura galega a través de talleres sobre o Camiño de Santiago, gastronomía, musica e bailes tradicionais. O feito de que se trate de alumnos de turismo implica, ademais, a inclusión no programa de actividades de conferencias sobre a política turística galega, impartidas por profesionais do sector de Santiago e o Xacobeo. Para a o organización deste intercambio, Cursos Internacionais contou tamén coa colaboración dun estudante de segundo ano do Máster de Turismo da USC, Itsuko Hori, que ademais orientará e acompañará aos estudantes da Universidade de Wakayama durante a súa estancia na USC e axudaralle a superar as barreiras lingüísticas e culturais. Campaña A realización desta actividade formativa é froito da acción promocional que Cursos Internacionais realizou o pasado ano 2010, co patrocinio do Xacobeo. Dentro desta campaña, o profesor da USC José Miguel Andrade impartiu unha conferencia sobre a historia do Camiño de Santiago e o seu punto de encontro con outras rutas milenarias, nun seminario sobre sitios sagrados declarados Patrimonio da Humanidade celebrado en Wakayama. Así mesmo, a xerente de Cursos Internacionais, Lanzada Calatayud, presentou os programas para estudantes estranxeiros da USC en varias universidades niponas, ademais de participar nunha presentación institucional sobre o Xacobeo na Embaixada Española en Tokio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.02.2011.