Un estudo apunta que as universidades galegas deben seguir implicándose e participando en cooperación internacional
Continuar mellorando a capacidade de xestión e organización do voluntariado, revisar a formación básica deste colectivo ou aumentar a participación das universidades galegas nos proxectos de cooperación internacional son algunhas das propostas que os profesores da USC Miguel Anxo Santos e Mar Lourenzo recollen na súa investigación publicada por Xerais co título Universidade e construción da sociedade civil.No marco de Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), e dentro dos programas de mobilidade e intercambio, as universidades galegas deben potenciar entre o seu alumnado as posibilidades educativas e formativas mediante a súa implicación en programas europeos transnacionais de voluntariado, segundo se afirma no documento.
Así mesmo, estes dous docentes advirten ás universidades galegas da necesidade de incluír nas tarefas de voluntariado a máis alumnos de terceiro ciclo, do persoal da administración e servizos e do profesorado. Na mesma liña, tamén deberían ser obxecto de unha maior atención os estudantes de ensino secundario e os egresados.
Datos estatísticosSobre os datos estatísticos recollidos neste estudo destaca que un 80,1 por cento do voluntariado universitario galego son mulleres fronte ao 18,9 por cento de homes. A presenza feminina destaca na USC, sumando un 86 por cento, respecto da súa homóloga coruñesa na que a porcentaxe se sitúa no 70 por cento.
Unha das razóns que explican este dato, segundo os expertos, atópase na diversidade de organizacións da sociedade civil existentes que marcarían tendencias en función do xénero. Así, por exemplo, os homes poden estar máis motivados a participar noutro tipo de organizacións cívicas, tales como sindicatos ou institucións profesionais. Deste xeito, parece que a capacidade de participación das mulleres deriva socialmente cara o campo do voluntariado, mentres que a dos homes se dirixe aos eidos onde se toman as decisións.
En relación coa distribución por idades, o maior número de estudantes voluntarios teñen entre 22 e 25 anos e destaca o 22 por cento de alumnos con máis de 25 anos que colaboran nestes servizos universitarios galegos.
Por outra banda, máis da metade dos voluntarios están matriculados en titulacións da área de Ciencias Sociais e Xurídicas, seguidos dos inscritos en carreiras de Humanidades e Ciencias da Saúde. Os que menos representación teñen nas actividades voluntarias son alumnos das Ensinanzas Técnicas e Ciencias Experimentais. A maior parte deste colectivo estudan o primeiro e segundo ciclo universitario.
Sobre a dedicación profesional futura dos voluntarios universitarios galegos, a publicación recolle que o 63,3 por cento quere dedicarse a actividades vinculadas co ensino, o 22,1 por cento co eido sanitario e o 19,1 por cento ten interese no relacionado cos servizos sociais.
No tocante á formación, os autores do estudo diferenciaron entre a xeral, que se facilitou a un 80,6 por cento dos voluntarios, e a específica, que só se ofreceu a un 46 por cento dos cuestionados. Os cursos específicos centráronse, na súa maioría, no Alzheimer, a animación socio-cultural, os menores en risco de exclusión social e as habilidades sociais.
Segundo esta investigación, a universidade contribúe a estimular o afán participativo dos estudantes xa que un 55,6 por cento dos enquisados manifestou que non tiñan colaborado antes con ningunha asociación. O 43,3 por cento dos alumnos voluntarios comezaron neste tipo de iniciativas por influxo dos amigos.
En xeral, os profesores Miguel Anxo Santos e Mar Lorenzo apuntan neste estudo que as universidades fomentan o espertar da conciencia social activa por parte do alumnado, profesorado e profesional da administración e servizos. Este feito supón un enorme potencial que sitúa a estas institucións docentes como centros cun alto grao de preparación para deseñar e levar adiante unha ampla gama de proxectos solidarios tanto dentro coma fóra do campus.