Ir o contido principal

Un estudo clínico constata que 8 de cada 100 persoas con leucoplasia oral poden desenvolver cancro na boca

Pilar Gándara realizou un estudo clínico sobre a leucoplasia oral
Pilar Gándara realizou un estudo clínico sobre a leucoplasia oral
A leucoplasia oral é unha mancha branca que pode aparecer en calquera zona da mucosa oral con peor prognóstico para as localizadas na lingua e no solo da boca

A leucoplasia oral é unha mancha branca que pode aparecer en calquera zona da mucosa da cavidade oral (enxiva, padal, lingua ou meixelas) e cuxa característica máis importante é que pode transformarse en cancro. A doutora Pilar Gándara Vila acaba de realizar na súa tese de doutoramento un estudo clínico de seguimento de lesións de leucoplasia oral a doentes da Clínica da Universidade Docente de Medicina Oral no período comprendido entre xaneiro de 1995 e decembro de 2010. Co título ‘Estudio de la transformación maligna y factores de riesgo en pacientes con leucoplasia oral’, este traballo de investigación cualificado coa máxima nota de sobresaliente cum laude dirixírono a profesora Mercedes Gallas Torreira e os profesores Mario Pérez-Sayáns García e José Manuel Suárez Peñaranda. A análise de supervivencia levada a cabo revelou que o índice de transformación en cancro destas lesións é do 8,2% dos doentes, porcentaxe similar ao rexistrado noutros países europeos. Como engade a investigadora, aos once anos de seguimento agárdase que a proporción de pacientes que non teñan sufrido un cancro sexa do 73,9%, marcando o quinto ano de seguimento o momento no que se produce un maior número de malignizacións. As leucoplasias localizadas na lingua e solo da boca transfórmanse con maior frecuencia en cancro que as doutras zonas da cavidade oral. O traballo desenvolvido por Gándara Vila pon de manifesto tamén que a manifestación da leucoplasia en persoas non fumadoras supón un risco cinco veces maior de que apareza un cancro que nos pacientes fumadores. Semellante valor rexistrouse tamén para a malignización das manchas detectadas atendendo á súa homoxeneidade: as non homoxéneas deben ser controladas con máis frecuencia, indica a doutora Pilar Gándara, xa que “presentan un risco de desenvolver cancro cinco veces superior que as leucoplasias homoxéneas ou de coloración branca”.

En conxunto, a investigación “evidencia a importancia do control e revisión continuada por parte do/a Odontólogo/a en función do grao de displasia, localización, forma clínica e consumo de tabaco de todas as lesións de leucoplasia co obxectivo de realizar unha diagnose precoz de cancro oral”, explica Pilar Gándara.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.07.2014.