Ir o contido principal

Un estudo desenvolve estratexias para o seguimento do lixo mariño no océano e da humidade na atmosfera

O estudo identificou zonas emisoras de lixo mariño
O estudo identificou zonas emisoras de lixo mariño
Sara Cloux González constatou na súa tese de doutoramento que as zonas oceánicas de alta contaminación son as máis próximas á orixe da contaminación, identificando 27 ríos da vertente atlántica española e 18 puntos xeográficos, fundamentalmente zonas de baño e portos, como fontes emisoras de lixo mariño
Santiago de Compostela

Comprender como se produce o transporte do lixo mariño, na rexión atlántica do norte da Península Ibérica, así como o movemento da humidade, nas zonas costeiras do Mediterráneo, é o obxectivo da tese de doutoramento de Sara Cloux González, investigadora do Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS). O estudo da interacción entre partículas e fluídos permitiu determinar zonas emisoras de lixo mariño, en concreto, 27 ríos da vertente atlántica española e 18 puntos xeográficos que se corresponden, fundamentalmente, con zonas de baño e portos. 

A tese concluíu que as zonas oceánicas de alta contaminación son as máis próximas ás orixes desa contaminación. Ademais, constatouse que o movemento do lixo ten un compoñente estacional, de modo que as estruturas de acumulación non son constantes no tempo, senón que, segundo a estación do ano, pode detectarse máis ou menos acumulación de lixo. No relativo ao transporte de humidade nas zonas costeiras do Mediterráneo, a investigadora determinou que as fontes máis representativas nos eventos de choiva extrema no Mediterráneo son o Mediterráneo Central e Occidental.

Metodoloxía

A tese céntrase no estudo do transporte lagranxiano, un campo da física que se encarga da análise do transporte en fluídos. O obxectivo deste traballo foi explorar os procesos de interacción entre partículas e fluídos en distintas áreas da ciencia, como a oceanografía, estudando o movemento de plásticos no océano; e a meteoroloxía, estudando o transporte de humidade na atmosfera. Esta investigación, que se desenvolveu no grupo de Física Non Lineal (GFNL) da USC baixo a dirección do catedrático e investigador do CRETUS, Vicente Pérez Muñuzuri, permitiu afondar na comprensión do transporte de lixo mariño e da humidade mediante o uso de modelos numéricos que validaron resultados e probaron novas hipóteses.

Segundo o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, o 95% do lixo mariño atopado nas costas, a superficie do mar e o fondo dos océanos correspóndese con plásticos. Nas últimas cinco décadas, a produción mundial de plástico aumentou exponencialmente, chegando a fabricar arredor de 368 millóns de toneladas en 2019, prevéndose que para 2025 se produzan 600 millóns de toneladas. Arredor do 40% do plástico producido é para embalaxe, o 20,4% para a industria da construción e aproximadamente o 10% utilízase no sector automotriz. Só o 6% é reciclado, mentres que o 55% xestiónase como residuo e o 10% incinérase. Estímase que entre 5 e 13 millóns de toneladas dos 5.000 millóns de toneladas de plástico enviadas aos vertedoiros acaban nos océanos, “o que provoca graves consecuencias ambientais”, sinala a investigadora. 

Outro dos desafíos ambientais dada a importancia do cambio climático global, é entender a natureza e a evolución do ciclo hidrolóxico, o proceso polo cal a humidade se evapora dun lugar e eventualmente precipítase noutro, e que se mantén mediante o transporte atmosférico, oceánico e hidrolóxico da auga. “Cando a auga se evapora, a humidade permanece na atmosfera durante uns dez días antes de condensarse e volver á Terra como precipitación. Os eventos de precipitación extrema e as inundacións asociadas, constitúen o principal risco meteorolóxico na rexión do Mediterráneo”, apunta a investigadora.

O obxectivo deste estudo, dende o punto de vista oceánico, foi determinar as zonas potenciais de alta acumulación de lixo mariño na rexión oceánica norte atlántica. Para iso validouse unha ferramenta desenvolta para este obxectivo grazas á acumulación de palillos de bateas nas costas da Ría de Arousa. Unha vez concluído este paso inicial, puidéronse estudar as zonas de acumulación. Doutra banda, para o estudo atmosférico, empregáronse trazadores lagranxianos  para rastrexar as posibles orixes da humidade. Desta forma, púidose contabilizar a importancia relativa de humidade de cada unha das fontes determinadas.

CleanAtlantic 

A tese enmárcase dentro do estudo de contaminación plástica no océano que se desenvolve no marco do proxecto CleanAtlantic. Este proxecto europeo ten como obxectivo protexer a biodiversidade e os servizos ecosistémicos no espazo atlántico mellorando as capacidades para monitorizar, previr e eliminar o lixo mariño.

O traballo contou coa colaboración doutros centros como o Instituto Superior Técnico de Lisboa ou o Instituto Español de Oceanografía de Vigo. Como resultado da tese, publicáronse diversos artigos en revistas científicas internacionais de alto impacto, así como contribucións a congresos de ámbito internacional.

A doutoranda xunto aos integrantes do tribunal
A doutoranda xunto aos integrantes do tribunal
Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.07.2023.