Un estudo detecta material xenético de SARS-CoV-2 non infeccioso en ameixas
Un estudo realizado por científicos da USC e por integrantes da Confraría de Pescadores de Miño detectou indicios de presenza de material xenético do virus da COVID-19 en mostras de especies do ecosistema da costa galega. “Os resultados suxiren un estado non infeccioso do virus e un alto grao de degradación do seu ácido nucleico, o que implica un risco practicamente nulo de adquirir SARS-CoV-2 a través do consumo de moluscos”, explica o profesor da USC, Jesús López Romalde. As achegas deste traballo de investigación foron presentadas na segunda edición do Congreso COVID-19, o encontro científico español sobre o SARS- CoV-2 impulsado por 80 sociedades científicas.
Como outros virus humanos comunmente presentes nas feces –virus entéricos–, o SARS-CoV-2 pode liberarse a través de augas residuais en cursos de auga que finalmente chegan ás áreas costeiras. “Levamos moitos anos estudando os virus que se transmiten pola vía fecal- oral, responsables de enfermidades como a gastroenterite”, explica Romalde. “Cando empezou a pandemia, descubriuse que o SARS-CoV-2 detectábase nas feces, co cal o material xenético do virus estaba presente nas augas residuais. Os equipos que traballamos neste eido axiña nos puxemos en marcha para ver como podiamos axudar a controlar a expansión da pandemia mediante a análise das augas, co fin de predicir brotes na poboación”, continúa o profesor da USC.
Os moluscos bivalvos teñen unha longa historia como vectores de transmisión de virus entéricos, como consecuencia da contaminación fecal das súas augas de cultivo e a súa natureza filtradora. Para investigar a posible presenza de SARS- CoV-2 no medio mariño, analizáronse doce mostras de sedimentos e doce mostras de ameixa (Ruditapes philippinarum e R. decussatus) recollidas entre maio e xullo de 2020 en dous bancos naturais situados en dous pequenos estuarios galegos, clasificados como zonas de clase C (normativa UE). O ARN viral detectouse mediante RT- qPCR en nove mostras de ameixa e en tres mostras de sedimento. Só catro das nove mostras foron positivas para dúas rexións diana e os sinais de ARN desapareceron no ensaio de viabilidade, descartando así o seu carácter infeccioso.
Considérase que esta é a primeira detección de ARN do SARS- CoV-2 nun organismo mariño e demostra que os virións do SARS- CoV-2 ou, polo menos, o seu ARN, poden alcanzar as augas costeiras. Os autores deste estudo propoñen nas súas conclusións profundar máis no estudo da posible persistencia do virus nos sistemas acuáticos, a través do uso de organismos mariños como é o caso dos moluscos como sentinelas de contaminación. A investigación que o profesor Romalde e o seu equipo desenvolven sobre a presenza da COVID-19 en augas residuais conta co apoio da campaña de micromecenado da USC Sumo Valor.