Ir o contido principal

Un estudo estima o risco de mortalidade baseándose en datos de reanálise climática

Dominic Royé é o primeiro asinante do artigo. FOTO: Santi Alvite
Dominic Royé é o primeiro asinante do artigo. FOTO: Santi Alvite
Os investigadores comparan por vez primeira os datos das estacións metereolóxicas cos de reanálise climática das 52 capitais de provincia de España
Santiago de Compostela

Un estudo coordinado polo profesor da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Dominic  Royé, xunto a Carmen Íñiguez da Universidade de Valencia, en colaboración co investigador do CSIC Aurelio Tobías, analiza a asociación entre temperatura e mortalidade. O traballo compara por primeira vez os datos das estacións meteorolóxicas cos de reanálise climática —unha combinación de modelos de diagnóstico e datos que configuran cuadrículas da atmosfera, superficie e océanos— para as 52 capitais provinciais de España. Deste xeito, permítense estimar eficazmente os efectos da temperatura sobre a saúde, mesmo en áreas afastadas das de medición habituais. Este informe do CIBER de Epidemiología y Salud Pública (CIBERESP) acaba de ser publicado na revista Enviromental  Research.

Segundo explica Royé, primeiro asinante do estudo, “observamos que a forma de distribución da temperatura é moi similar entre ambas as dúas fontes de datos, con curvas globais de exposición-resposta semellantes en canto á forma e á estimación de riscos no relativo aos efectos do frío e do calor, polo que concluímos que os datos de  reanálise son útiles para extraer efectos da temperatura sobre a saúde”.

En ciencia atmosférica, os datos de reanálise empréganse para moitos estudos climáticos, pero non de forma rutineira na epidemioloxía ambiental. Consisten en combinacións de modelos de prognóstico e sistemas de asimilación de datos, que permiten crear cuadrículas globais corrixidas da historia recente da atmosfera, a superficie terrestre e os océanos. Debido ao seu gran potencial, foi necesario examinar que diferenzas se poden atopar entre a asociación de temperatura e mortalidade mediante o uso de series temporais de reanálise en lugar de datos de estacións meteorolóxicas.

As temperaturas baixas e altas asócianse cun maior risco de mortalidade e  morbilidade e constitúen unha gran preocupación para a saúde pública en todo o mundo, especialmente para as estimacións potenciais de mortalidade futura nun contexto de clima máis cálido. Ata o de agora, ao analizar o impacto da contorna térmica, a maioría dos estudos utilizan datos de observación de temperatura de estacións meteorolóxicas próximas á cidade ou rexión analizada, como punto de referencia para a asociación de resposta á exposición.

As series temporais non están dispoñibles en todas as rexións

Segundo explica  Dominic  Royé, “as series de temperaturas das estacións meteorolóxicas non rexistran todas as rexións do mundo, polo que impulsamos unha comparación entre estes datos e os de reanálise climática das 52 capitais de provincia en España”. A temperatura media das mesmas foi facilitada aos investigadores do  CIBERESP polo  European  Climate  Assesment &  Dataset (ECAD), os datos de  reanálise climática foron extraídos do Centro Europeo para Prognósticos Meteorolóxicos de mediano alcance (ECMWF) e os datos de mortalidade do Instituto Nacional de Estatística entre 1990 e 2014.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.05.2020.