Ir o contido principal

Un estudo identifica máis de 10.000 conferencias organizadas a partir da Lei de Ensinanza Agrícola de 1876

Conferencia agrícola de Lugo en 1879
Conferencia agrícola de Lugo en 1879
A investigación do profesor da USC, Damián Copena, e da profesora da Universidade de Oviedo, María Gómez Martín, realiza un percorrido por esta iniciativa que se desenvolveu ata o ano 1880
Lugo

A Lei de Ensinanza Agrícola aprobada no ano 1876  pretendía  que  cada domingo se ofrecera unha conferencia agrícola en cada un dos concellos do Estado para incrementar o nivel de coñecemento das persoas agricultoras e favorecer a difusión das innovacións tecnolóxicas e de manexo. Agora, un estudo realizado polo profesor da USC, Damián Copena, e polo profesora da Universidade de Oviedo, María Gómez Martín, realiza un percorrido por esta iniciativa que se desenvolveu ata o ano 1880. O equipo investigador constatou que grazas ao esforzo conxunto das institucións públicas chegaron a organizarse máis de 10.000 conferencias agrícolas nas capitais e localidades das diferentes provincias, “dando lugar a un corpus de coñecemento agronómico sumamente relevante”, subliñan. 

O artigo titulado ‘«Buenas tonterías dicen los que estudian». Las conferencias en la Ley de Enseñanza Agrícola de 1876 como herramienta de transformación rural’, que acaba de ver a luz na revista Historia y Política tivo coma obxectivo o estudo do proceso de creación e posta en funcionamento das conferencias agrícolas. Para conseguilo, foi precisa a utilización de diversas fontes, entre as que destaca a consulta de documentación primaria en  arquivos e publicacións  hemerográficas.  O artigo presenta o percorrido da iniciativa, mostrando  as  dificultades existentes  para  a implantación  dunha  experiencia sumamente ambiciosa, así como os éxitos obtidos durante o proceso.

O profesor da Facultade de Administración e Dirección de Empresas Damián Copena, pertencente á área de Historia e Institucións Económicas do departamento de Economía Aplicada da USC, explica que o desenvolvemento das conferencias non estivo exento de diferentes problemáticas, “como o descontento de conferenciantes e oíntes ou o excesivo peso dos contidos teóricos, que provocaron a súa progresiva desaparición”.

En definitiva, o artigo amosa unha experiencia “sumamente ambiciosa e singular desenvolvida por parte da Administración pública que tratou de achegar os coñecementos agronómicos aos diferentes territorios”, explican dende o equipo investigador. Tratouse dunha iniciativa “modernizadora” que, a pesar de tódolos esforzos aplicados, “nunca conseguiu superar as dificultades existentes”, conclúen.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.09.2025.