Un novo estudo da USC atopa unha forte asociación entre o radon residencial e o tabaco na aparición do cancro de pulmón
Un equipo da USC acaba de publicar na revista Cancer Epidemiology, Biomarkers and Prevention -a publicación oficial da American Association for Cancer Research- un artigo orixinal no que atopan unha forte asociación entre a exposición a radon residencial e o tabaco na aparición de cancro pulmonar. Comprobouse que aqueles suxeitos grandes fumadores e cunha exposición a radon residencial superior á que recomendan as autoridades norteamericanas (148 bequerelios por m3) teñen 73 veces máis risco de cancro pulmonar ao seren comparados cos que nunca fumaron e están menos expostos a ese gas. O estudo, financiado de maneira competitiva polo Fondo de Investigacións Sanitarias, levouse a cabo en preto de 1.000 persoas, todas elas pacientes con cancro pulmonar reclutadas nos Complexos Hospitalarios Universitarios de Santiago de Compostela e de Ourense. Os investigadores observaron ademais que a exposición a radon a niveis por debaixo dos recomendados polas autoridades norteamericanas e europeas (148 e 200 Bq/m3, respectivamente) pode aumentar en máis do dobre o risco de cancro. Outra análise do estudo facía referencia á influencia do radon nos distintos tipos histolóxicos desta enfermidade, destacando a relación entre o cancro de células pequenas e os tipos menos habituais. Grupo competitivo Os autores principais da investigación son os profesores Xoán Miguel Barros Dios e Alberto Ruano Raviña, membros da Área de Medicina Preventiva e saúde Pública da USC pertencente ao Instituto de Investigacións Sanitarias e ao CIBERESP, este último organismo de investigación en rede financiado polo Instituto de Salud Carlos III que inclúe os grupos de investigación máis competitivos de España. Galicia é unha zona de elevadas concentracións de radon residencial debido ao substrato xeolóxico do terreo, de onde procede, e que se vai acumulando no interior dos domicilios e en calquera edificio.