Un estudo da USC sobre as dinámicas laborais en Galicia e o norte de Portugal acada o IV Premio de Investigación Eurorrexión

O estudo ‘Dinámica dos mercados de traballo de Galicia e a Rexión Norte de Portugal no contexto da integración eurorrexional’ resultou gañador do IV Premio Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que convoca a Universidade de Vigo ao abeiro da Cátedra da Eurorrexión. O traballo, da autoría de María Dolores Riveiro García, María del Carmen Vilariño López e Melchor Fernández Fernández, competía polo galardón xunto con outros tres estudos dos ámbitos xurídico e social e da saúde. Docentes da USC e membros do Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da mesma institución, os responsables do traballo afondan na análise da integración no mercado laboral da Eurorrexión no que, segundo confirmou Rivero no acto de entrega, se producen converxencias e diverxencias ao longo das dúas últimas décadas. “Desde 2008 as consecuencias da crise teñen sido moi negativas para os territorios analizados pero de maneira destacada para España”, explicou, de aí que sexan “necesarios cambios no mercado laboral e na economía en xeral”. “Pero eses cambios non deben ir só dirixidos á regulación do mercado de traballo”, advertiu. Para Rivero o estudo, que forma parte dun proxecto máis amplo sobre integración, reflicte que “ existe unha aproximación nos mercados, resultado de dinámicas diverxentes,” ao tempo que se confirma que “a integración transfronteiriza non levou a un crecemento harmónico da renda per cápita en Galicia e o Norte de Portugal”. Todo isto leva á investigadora a sinalar que a inexistencia de estratexias conxuntas fai necesaria “un maior compromiso institucional e unha planificación estratéxica de desenvolvemento conxunto no que as vías de comunicación interna cara ao exterior aínda terán un papel importante que xogar”. O xurado desta cuarta edición do premio estivo composto por Elvira Pacheco, directora do Instituto Politécnico de Viana do Castelo; Pilar Blanco, membro da xunta directiva do Círculo de Empresarios de Galicia; Luis Manuel Leite, profesor da Universidade de Tras-os-Montes e Alto Douro; Emilio Fernández, comisionado de Campus do Mar e Eduardo García, director da Escola de Negocios Novacaixagalicia.