Ir o contido principal

Tres estudos poñen o foco en emigrantes galegos que combateron durante a Segunda Guerra Mundial no exército dos EE.UU

Marines cun morteiro de 81 mm en acción en Saipan
Marines cun morteiro de 81 mm en acción en Saipan. Imaxe extraída do artigo ‘«Uncommon valor»: Abel Faraldo, un emigrante gallego en el cuerpo de marines de los Estados Unidos durante la Segunda Guerra Mundial’
O profesor da USC Javier Fernández Castroagudín participa nestas investigacións que profundan nas figuras de Manuel Otero Martínez, Celso Mosteiro e Abel Faraldo

Os nomes de Manuel Otero Martínez, Celso Mosteiro e Abel Faraldo están unidos por un nexo común: os tres galegos combateron durante a Segunda Guerra Mundial no exército estadounidense. O profesor da USC Javier Fernández Castroagudín acaba de participar en tres estudos nos que se profunda nos periplos vitais destes tres emigrantes no continente americano.

Así, o artigo titulado ‘Un emigrante gallego alistado en el ejército estadounidense durante la segunda guerra mundial. El caso de Manuel Otero Martínez’, publicado en Cuadernos de Estudios Gallegos e en colaboración coa Asociación GRH Big Red One ‘Manuel Otero’, aborda como a emigración “constituíu para Galicia un sinal de identidade e un elemento histórico-cultural de primeira magnitude”. A emigración aos Estados Unidos, aínda que minoritaria respecto a outros destinos americanos, reúne unha serie de características que lle confiren unha notable singularidade. Aínda que escasos, diferentes estudios achegaron información sobre o perfil do emigrante galego ao país norteamericano e sobre os complexos procesos de adaptación-integración-asimilación e a formación de identidades transnacionais. Porén, o rexistro e recrutamento nas forzas armadas estadounidenses de galegos residentes nos Estados Unidos durante a Segunda Guerra Mundial é un aspecto totalmente inexplorado, coñecido só pola aparición ocasional de historias persoais. “A investigación sistemática das mesmas pode servir de base para o coñecemento e a recuperación da memoria dos emigrantes galegos que sufriron este grao extremo de asimilación”, explica o profesor Javier Fernández.

Manuel Otero, natural do concello de Outes e emigrado aos Estados Unidos no ano 1941, menos de dous meses antes da entrada do seu país de acollida na Segunda Guerra Mundial, “foi actor e testemuña de circunstancias históricas verdadeiramente extraordinarias”. Compartía moitas das características do perfil do emigrante galego en Estados Unidos, tratándose dun home novo (cumprira 25 anos no momento da súa chegada), alfabetizado, orixinario dunha localidade costeira da provincia da Coruña, na ría de Muros, e mariñeiro de profesión, circunstancia que facilitou a súa chegada aos Estados Unidos nunha época na que a entrada ao país estaba restrinxida. Escolleu como destino Nova York, onde dispoñía de contactos dentro das mencionadas microrredes sociais de integración, familiares e veciñais, concretamente o seu tío Pedro e o seu veciño Miguel Cernadas, co que compartiu aloxamento e empregador. Resulta plausible que este último servise de ligazón para a obtención dun posto de traballo na empresa de Herbert Johnson, debido a que residía no país desde varios anos antes da chegada de Manuel.

A pesar da súa profesión previa de mariñeiro, o traballo de Otero estivo relacionado coa construción, aínda que se descoñece a súa ocupación específica. Foi recrutado e adestrado aínda coa nacionalidade española, pero iniciou con prontitude os trámites para a obtención da nacionalidade estadounidense aproveitando a circunstancia do servizo militar, polo que podemos presupoñer que era consciente das vantaxes que supoñía este status, con acceso a beneficios sociais, sanitarios e educativos para o veterano e a súa familia. “Descoñecemos, con todo, as súas motivacións, a súa lealdade, a súa actitude cara á guerra e os seus proxectos vitais, que de todos os xeitos foron truncados polo conflito nunhas circunstancias verdadeiramente excepcionais para un emigrante galego”, explica o profesor. De feito, o impacto da guerra nos emigrantes, nas súas traxectorias, condicións familiares e laborais, saúde física e mental, así como o papel dos veteranos na postguerra, formando parte do que se deu en chamar “the greatest generation” está aínda por analizar.

Pola súa parte, o estudo titulado ‘Españoles en la Segunda Guerra Mundial: la última misión del first lieutenant Celso Mosteiro’, céntrase na figura deste outro galego que con 24 anos foi rexistrado no primeiro chamamento, o 16 de outubro de 1940, no Local Board n.º 2 de Nova York. Mosteiro Correa naceu na Coruña o 21 de setembro de 1916. Aínda que a familia era orixinaria de Sada, aparece como residente no municipio da Coruña nos Boletíns Oficiais da Provincia da Coruña do 18 de xullo de 1936 e do 20 de febreiro de 19375. Tras o estalido en España da Guerra Civil, decidiu emigrar con 20 anos aos Estados Unidos e desapareceu na contenda bélica mundial nun accidente de aviación. Esta investigación desenvolveuse en colaboración co Grupo de Investigación Manuel Otero.

A participación en accións de guerra de emigrantes españois recrutados nas forzas armadas estadounidenses durante a Segunda Guerra Mundial foi descoñecida en gran medida ata datas recentes, tal e como subliña o derradeiro dos estudos que asina o profesor Castroagudín e que se centra na figura de Abel Faraldo Maceira, nacido en Galicia, e que se alistou no Corpo de Marines en 1942, asignado á súa 4.ª División, coa que participou nos asaltos anfibios de Roi-Namur, Saipan, Tinian e Iwo Jima, onde resultou gravemente ferido. O estudo titulado ‘«Uncommon valor»: Abel Faraldo, un emigrante gallego en el cuerpo de marines de los Estados Unidos durante la Segunda Guerra Mundial’ pon en valor a súa narrativa persoal e encádraa no contexto do seu proceso migratorio, do servizo á súa comunidade e país de acollida e da súa contribución ao esforzo bélico estadounidense durante a Segunda Guerra Mundial.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.10.2025.