Ir o contido principal

Tres estudos da USC, recoñecidos no marco dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2022

Diego Peña xunto a Iago Pozo, un dos investigadores participantes no estudo
Diego Peña xunto a Iago Pozo, un dos investigadores participantes no estudo
Diego Peña do CiQUS lidera o proxecto que foi premiado na modalidade de investigadores sénior, xunto a investigadores de IBM en Zúric e das Universidades de Oxford, King Abdullah de Arabia Saudita e Regensburg. A RAGC tamén premiou dous traballos desenvolvidos no CiTIUS e no CRETUS, respectivamente
Santiago de Compostela

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñeceu este martes 7, no marco dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2022, os investigadores da USC que lograron modificar moléculas individuais, un achado con múltiples aplicacións na medicina e na industria, como a distribución intelixente de fármacos. O proxecto que foi premiado na modalidade de investigadores sénior recaeu no equipo liderado por Diego Peña, do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), xunto a investigadores de IBM en Zúric e das Universidades de Oxford, King Abdullah de Arabia Saudita e Regensburg (Alemaña).

A RAGC premiou tamén, na categoría de investigadores mozos, un traballo destinado á detección de desinformación relacionada coa saúde nos medios en liña, liderado por Marcos Fernández, do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS). Ademais, outorgouse unha mención honorífica na modalidade de promoción de mozos investigadores a un traballo sobre o rexeitamento da poboación ao uso da auga reciclada. Os autores, coordinados por Sergio Vila,  desenvolven o seu labor no Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS) e na Facultade de Psicoloxía da institución compostelá.

Os Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo 2022 están destinados a promover e recoñecer a investigación no eido das matemáticas, física e ciencias da computación; química e xeoloxía; bioloxía e ciencias da saúde; ciencias técnicas; e ciencias económicas e sociais, todas elas integradas na RAGC. Nesta 32ª edición presentáronse un total de 66 propostas nas dúas categorías establecidas: traballo de investigación realizado por investigadores e investigadoras sénior, dotado con 6.000 euros; e traballo de investigación para incentivar a promoción de mozos e mozas investigadoras menores de 30 anos, dotado con 2.000 euros. Os premios entregaranse nun acto que se vai celebrar o vindeiro 1 de marzo no Pazo de San Roque, en Santiago.

Portada da revista Science

O equipo liderado por Diego Peña logrou por primeira vez modificar moléculas individuais de forma selectiva, rompendo ou formando ligazóns entre os seus átomos a vontade. Para iso o equipo de IBM en Zúric desenvolveu un sofisticado microscopio de última xeración, que traballa a unha temperatura de 270 graos baixo cero, capaz de concentrarse nunha única molécula dunha millonésima de milímetro e de modificar as súas ligazóns mediante pulsos eléctricos. O avance, que foi portada da revista Science, supón un control sen precedentes a escala molecular. Permitirá crear máquinas moleculares artificiais inimaxinables até agora, capaces de realizar tarefas como a distribución intelixente de fármacos e con múltiples aplicacións na medicina e na industria. "Desde o século XIX os químicos tentamos cambiar a conectividade entre os átomos nas moléculas para obter novas funcionalidades. A novidade é que agora podémolo facer de forma extremadamente precisa e sobre moléculas individuais, coma se dispuxésemos de pinzas nanométricas do tamaño das moléculas. Non só controlamos que ligazóns se forman, ademais facémolo de xeito reversible”, sinala Diego Peña.

Desinformación e saúde

Marcos Fernández lidera o proxecto premiado na categoría de investigadores mozos. “A nova era dos medios dixitais mellorou o acceso á información, pero esta non sempre é fiable, precisa ou de boa calidade, o que conduce a que os usuarios tomen decisións erróneas. E isto é especialmente crítico cando nos referimos a persoas buscando información sobre saúde, por exemplo consello médico, xa que pode provocar danos persoais”, indica o investigador. O equipo desenvolveu un sistema de recuperación de información capaz de proporcionar resultados correctos e cribles. O traballo foi publicado en 2022 na revista Engineering Applications of Artificial Intelligence.

Rexeitar o uso da auga reciclada

O estudo coordinado por Sergio Vila na USC analiza por que a cidadanía se amosa reticente ao uso de auga reciclada (auga residual tratada) como solución á escaseza deste recurso, o que levou á cancelación de moitos proxectos pola falta de aceptación pública. Proponse un modelo destinado a entender os factores psicolóxicos implicados na aceptación ou rexeitamento. O modelo probouse cunha mostra de 726 participantes de Galicia e Murcia. Segundo os resultados, a poboación acepta o uso da auga reciclada cando percibe que non hai riscos para a saúde porque confían na ciencia, cando considera que é unha obriga moral facer fronte aos problemas ambientais como a escaseza de auga e cando percibe que os beneficios ambientais son máis altos que os custos económicos. “Este recoñecemento é moi relevante para o noso grupo porque sitúa á Psicoloxía no centro dun cambio importante para o conxunto da sociedade, neste caso a promoción dunha tecnoloxía sostible”, explican.

Arrecifes artificiais

Finalmente, a RAGC concedeu unha mención honorífica na modalidade de traballo de investigación a un proxecto centrado na aplicación dos residuos da depuración de bivalvos en Galicia para a recuperación dos ecosistemas mariños mediante a creación de arrecifes artificiais. É un proxecto multidisciplinar coordinado por Luis Carral, da Escola Politécnica de Enxeñaría da UDC en Ferrol.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.02.2023.