Ir o contido principal

O eterno retorno dos fascismos centra este martes unha nova sesión dos Encontros de Lúa Chea na EPS de Enxeñaría de lugo

Cartaz da última sesión de Econtros de Lúa Chea
Cartaz da última sesión de Econtros de Lúa Chea
A profesora da USC Ana Cabana abrirá ás 20.00 horas un foro no que intervirán os historiadores e docentes Henrique Hervés Sayar e Antonio Bernárdez Sobreira

Os Encontros de Lúa Chea, un programa de encontros informais organizados polo colectivo Proxéctate en Galego para divulgar contidos académicos transversais de interese xeral ou de actualidade universitaria, tratarán este martes 30 de outubro de 2018, na cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo, a temática dos fascismo.

A sesión, de acceso libre e de balde para todo o público interesados, desenvolverase a partir das 20.00 horas baixo o título ‘Fascismos: eterno retorno?’. A profesora da área de Historia Contemporánea da USC no campus de Lugo Ana Cabana Iglesias situará a temática da sesión, ao tempo que presentará aos historiadores e docentes de ensino medio Henrique Hervés Sayar e Antonio Bernárdez Sobreira, que afondarán sobre esta temática nas súas respectivas intervencións.

O tema escollido para esta nova xornada dos Encontros de Lúa Chea non é casual, pois abonda ver os últimos resultados electorais en distintos países —Brasil é o exemplo máis recente— ou qué solucións se defenden para realidades como as migracións, para decatármonos de que a volta do fascismo é un asunto de máxima actualidade.

Daquela, este novo Encontro de Lúa Chea busca achegar algunhas respostas respecto das circunstancias ou causas polas que periodicamente agroman na sociedade ideas de corte fascista, como o racismo ou o totalitarismo. A análise da posible existencia de paralelismos entre a forma en que maduraron os movementos fascistas no primeiro terzo do século XX e o xeito en que medran agora e outro dos obxectos deste foro de debate, no que tamén se tratará de revisar o pasado para evitar repetir estes episodios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.10.2018.