Ir o contido principal

O eurodeputado Enrique Barón destacou a importancia da educación para garantir o futuro do modelo social en Europa

Público asistente á conferencia do eurodeputado Enrique Barón no Congreso Edutec
Público asistente á conferencia do eurodeputado Enrique Barón no Congreso Edutec
Participou no Congreso Edutec 'As TIC, ponte entre culturas: Iberoamérica e Europa'

O presidente da delegación socialista no Parlamento Europeo, Enrique Barón, interveu este venres no Congreso Edutec. Na conferencia, impartida no Museo Pedagóxico de Galicia, subliñou a importancia da educación como medio para garantir o futuro do modelo social en Europa e resumiu os distintos plans de actuación a realizar dende a Unión Europea.
Sobre o Tratado de Boloña, o eurodeputado apuntou que “será positivo” para todos os países implicados e afirmou que España “está preparada para a súa posta en marcha”, aínda que existan sectores que se opoñan. Ademais, falou da existencia en común dun proceso pedagóxico destinado á convivencia en paz, con valores compartidos e de base democrática na Unión Europea e resaltou a “necesidade de cooperación” con todos os países.
Congreso EdutecO Congreso Edutec clausúrase este venres na Facultade de Psicoloxía cun acto oficial ao que asisten a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, María José Pérez Mariño; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, María José Tallón Nieto; a profesora da USC, Beatriz Cebreiro; o responsable da Asociación EDUTEC, Francisco Martínez; e o responsable do CESGA, Javier García Tobío.
Ademais, o centro acolle a conferencia do catedrático de Didáctica e Organización Escolar da USC, Miguel Ángel Zabalza Beraza, titulada ‘As TIC, ponte entre culturas: Iberoamérica e Europa’. O encontro organizouno a USC en colaboración co CESGA, a asociación EDUTEC e a Consellaría de Educación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.09.2008.