Ir o contido principal

Euronews, galardoada co XVII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia

Foto: Alfonso-Servimav
Foto: Alfonso-Servimav
A cerimonia de entrega celebrarase o 20 de setembro, durante a XIX Asemblea Xeral do Grupo en Nantes (Francia)

O presidente do Grupo Compostela de Universidades (CGU), Maurits van Rooijen, anunciou este mércores en rolda de prensa a decisión, conxunta co Goberno autonómico, de outorgar o XVII Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia á canle de noticias Euronews, como recoñecemento ao seu labor creador e transmisor de información dende un punto de vista europeo. No acto participaron ademais o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan J. Casares Long; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, María Jesús Tallón Nieto; e o delegado de Euronews en España, David del Valle, quen, tras agradecer o premio e anunciar que os 6.000 euros do premio doaranse á unha ONG, explicou que a cadea de noticias produce programas en 13 idiomas e que, aínda que naceu como un servizo para Europa, actualmente emite a nivel mundial -en América, Norte de África e Europa-, chegando a 400 millones de fogares en 155 países. Dende a súa creación en 1997 este galardón recaeu en importantes figuras e institucións de diversos campos co punto coincidente da promoción do ideal común europeo, a educación e a preservación do patrimonio cultural. Nas últimas tres edicións resultaron recoñecidos o Colexio de Europa (2012), un prestixioso centro de estudos europeos de posgrao; a comisaria da Axenda Dixital, Neelie Kroes (2011); e o Premio Nobel da Paz e recentemente nomeado vicepresidente interino de Exipto para Relacións Exteriores, Mohamed ElBaradei (2010). En setembro en Nantes

A cerimonia de entrega terá lugar o vindeiro 20 de setembro durante a XIX Asemblea Xeral do CGU, que se celebrará na Universidade de Nantes (Francia). Neste evento anual agárdase a presenza de representantes das 67 universidades de 26 países diferentes que compoñen a asociación, así como a asistencia de representantes da Xunta de Galicia e membros da xunta directiva de Euronews.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.07.2013.