Europa pescuda na xenómica un novo impulso á acuicultura

Un equipo da USC liderado polo catedrático de Xenética na Facultade de Veterinaria Pualino Martínez investiga no marco do proxecto Aqua-Faang, promovido por un consorcio de expertos internacionais coordinado polo noruegués Sibjørn Lien, na identificación das estruturas e da funcionalidade dos xenomas das seis especies piscícolas máis comercializadas, a fin de mellorar o grao de benestar animal e a rendibilidade das súas producións.
Os resultados obtidos xa ao abeiro deste ambicioso programa internacional, dotado con máis de seis millóns de financiamento e no que colaboran 26 socios (empresas, universidades e centros de investigación) de España, Italia, Polonia, Francia Noruega, Grecia, Reino Unido, Holanda e Alemaña, están a debaterse estes días en Galicia no primeiro congreso presencial dos socios de Aqua-Faang trala pandemia da COVID, un encontro aberto tamén ás empresas e axentes produtivos do sector acuícola que congrega preto de medio centenar de participantes.
Ao longo da vida deste proxecto, que botou a andar en 2019, lembraron Martínez e Sibjørn Lien xa se fixo boa parte do traballo de análise e identificación de xenomas das especies obxecto de estudo (carpa, salmón, rodaballo, troita, dourada e lubina), polo que agora cómpre trasladar estes resultados a aplicacións informáticas. Estes novos desenvolvementos tecnolóxicos permitirán no futuro avanzar na selección de individuos máis resistentes a enfermidades e tamén máis rendibles a nivel produtivo, engadiron estes investigadores.
Sibjørn Lien e Martínez recoñeceron a complexidade dos estudos que se están a realizar ao tempo que coincidiron en sinalar que os avances que reportará o proxecto Aqua-Faang resultarán claves para garantir o presente e o futuro da acuicultura, “un dos sistemas de produción animal máis sustentables e respectuosos co benestar animal”, precisaron, para logo engadir que “no actual contexto de progresiva redución da actividade do volume de capturas pesqueiras, a acuicultura é se cabe máis necesaria que nunca para satisfacer as necesidades da poboación”.
Alén destas consideracións e logo de referirse a importancia actividade económica que representa a acuicultura no contexto global, o catedrático de Xenética da USC puxo tamén en valor a envergadura do proxecto Aqua-Faang, que reúne os principais expertos interdisciplinares do mundo e a socios da industria que proporcionan as vías para a explotación comercial. “Trátase dunha das actuacións máis ambiciosas das impulsadas no ámbito da acuicultura no contexto europeo”, conclúen.
