Ir o contido principal

Eva Cernadas presenta a súa investigación ante a comunidade médica

A profesora da USC e investigadora do CiTIUS Eva Cernadas imparte este venres no CHUS un relatorio sobre microscopía molecular. A charla enmárcase nunha xornada organizada polo Idis na que presentará o seu traballo xunto ao profesor e investigador Manuel Fernández na área do procesamento de imaxes microscópicas a partir da utilización de distintas técnicas de visión por computadora, recoñecemento de patróns e aprendizaxe automática, co fin de levar a cabo o recoñecemento, clasificación, medida e reconto de estruturas de interese neste tipo de imaxes.

Automatización e reconto manual
O microscopio é un elemento común en calquera laboratorio, pero en certos casos é necesario proceder ao reconto e clasificación de células ou outras estruturas como elemento esencial da investigación científica. Realizar este reconto manualmente pode consumir moito tempo para o investigador e converterse nun proceso propenso a erros. Con todo, a análise automática ofrece polo xeral un rendemento moi variable no complexo mundo das imaxes biomédicas e non permite a supervisión do operador durante o proceso. Ou sexa, ningunha das dúas opcións proporciona mecanismos que permitan coñecer a orixe do resultado cuantitativo e tampouco permite revisalo a posteriori sen repetir o proceso completo.

Así, os investigadores propoñen sistemas intermedios entrambas filosofías, que recoñezan automaticamente as estruturas de interese na imaxe e que, mediante unha interface de usuario sinxela e intuitiva, permitan ao experto revisar dito recoñecemento antes de realizar a análise cuantitativa da imaxe. Ademais, a aplicación de técnicas de intelixencia artificial e aprendizaxe automática favorece que os propios algoritmos aprendan dos seus erros, o que os fai cada vez máis certeiros e eficaces.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.02.2017.