Ir o contido principal

O evento ‘DivúlgaT’ achega petiscos da investigación desenvolvida no Campus de Lugo desde a Casa do Saber

Un dos investigadores participantes na última edición do evento de divulgación científica do Campus Terra
Un dos investigadores participantes na última edición do evento de divulgación científica do Campus Terra
Docentes e investigadores da sede universitaria luguesa presentan este martes, a través de monólogos, algunhas das liñas e proxectos de I+D nos que traballan nas sesións divulgativas e en galego programadas no marco deste ciclo
Lugo

O evento de divulgación científica ‘DivúlgaT’ achegará á sociedade as liñas e proxectos de investigación que se están a desenvolver no Campus Terra da sede universitaria luguesa a través de dúas sesións de monólogos en galego programadas os martes 22 e 29 de novembro, a partir das 19.30 horas, na Casa do Saber. A mocidade investigadora aproveitará estas intervencións para presentar os seus respectivos ámbitos de traballo e proxectos de I+D. A entrada é libre e de balde para todo o público interesado.

Alejandro Cao Cancelas e Sandra Raposo García abrirán o próximo martes este menú de petiscos de divulgación científica coa exposición ‘Os perigos da auga’. ‘A morte na ría: o caso do berberecho de Arousa’, é o título do monólogo que ofrecerá María Pampín Iglesias, a quen sucederá no escenario Inés Martínez Sambade co relato ‘Detección de marcas de resistencia e parasitos en ostra plana’.

O monólogo de Fernando Vázquez Miranda ‘Pesos sentinela de canais de vacún sacrificados en matadoiro’, e os relatos ‘Que non che dean galego por francés!’, ‘Anatomía do pracer’, ‘Zombis, enfermidades e cairomonas’ e ‘Gatos, embarazadas e ratos zombis’, que terán como protagonistas a Nicolás Mejuto Vázquez, Irene Ortiz Leal, Pablo Sánchez Quinteiro e David García Dios, completan o programa da primeira sesión do ciclo  ‘DivúlgaT’, un programa que promovido para divulgar a ciencia en lingua galega.

Segunda sesión

O programa do ‘DivúlgaT 2002’ continuará o 29 de novembro coa segunda e última sesión de petiscos de divulgación científica. Nerea Gandoy Fieiras abrirá o acto co relato ‘Amor a primeira vista!’, ao que seguirá a intervención de Adrián Casanova Chiclana ‘E ti de quen vés sendo?, dille o xenetista á troita’.

Os monólogos ‘Migrantes audiovisuais e redes’, da man de Daniel Manuel Vázquez Vila, e ‘Incendios forestais e herbivorismo pírico’, a cargo de María Rosa Mosquera, darán continuidade a unha sesión na que Gonzalo Pérez de Lis e Ana Paula Losada ofrecerán cadansúa charla baixo os títulos ‘As árbores non poden correr, pero si adiantar a hora’, e ‘Megaestruturas dos organismos vivos: a saúde comeza no intestino’. O monólogo ‘Unha vaca moi intelixente’, a cargo de Uxía Yáñez Ramil, completará o programa de faladoiros desta nova edición do ciclo ‘DivúlgaT’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.11.2022.