A evolución dos sistemas de cálculo das culturas antigas á informática, unha nova mostra da USC e Caixanova

A USC e Caixanova propoñen un paseo pola historia da matemática na mostra didáctica ‘Dos ábacos aos computadores’ que se poderá visitar na Igrexa da Universidade de xaneiro a marzo do vindeiro ano. Para concretar a colaboración de ambas as dúas partes, este venres asinaron un convenio o reitor Senén Barro e o presidente de Caixanova, Julio Fernández Gayoso. No acto estiveron ademais presentes o vicerreitor de Cultura, Elías Torres, e o profesor da USC e comisario da exposición, Manuel Bermejo.
‘Dos ábacos aos computadores’ é unha mostra de carácter didáctico que pretende aproximar ao visitante ao proceso evolutivo que abrangue dende os sistemas de cálculo das culturas orientais, grecorromanas e islámicas ao progreso no cálculo matemático na Idade Moderna co deseño das primeiras máquinas e as figuras de Pascal, Babbage, Hollerith ou Torres Quevedo ata a aparición no século XX da informática.
Dos ábacos aos computadoresA exposición pretende presentar diacronicamente o proceso do cálculo na sociedade ata a chegada da informática e facer fincapé na instrumentación actual para intentar amosar como pode ser o futuro.
Os últimos sesenta anos, e especialmente os últimos trinta, representaron a incorporación da informática como motivo de ocio e de cálculo e, de xeito particular, no seu uso na resolución dos grandes problemas da investigación moderna. Pero o cálculo non foi sempre igual ao longo da historia. Dende os primeiros tempos sentiuse a necesidade de calcular e tanto as matemáticas como a tecnoloxía contribuíron sinerxicamente para resolver os problemas xurdidos. Mais a chegada da informática e dos ordenadores mudou completamente todo, segundo se poderá observar na mostra.
Deste xeito, a exposición iniciarase cunha introdución aos métodos de calculo na Humanidade, dende os ábacos na cultura oriental ata o cálculo da cultura islámica pasando polas achegas da cultura greco-romana. A continuación, un paseo pola matemática moderna levará ao espectador a coñecer as calculadoras primeiras da historia, o que permitirá comprender como o progreso no cálculo matemático leva ao deseño das primeiras máquinas. Xa nunha terceira parte chegarase ao século XX, o da informática.
O visitante coñecerá de primeira man máquinas como o primeiro IBM 1130 da USC, as perforadoras de tarxetas, as primeiras memorias electrónicas, aparatos de cálculos diversos, ademais de compoñentes dos ordenadores.
Unha mostra globalSegundo explicou o profesor Bermejo, a mostra concíbese como “un feito cultural global”, que inclúe a elaboración dun libro redactado por especialistas en moi diversos campos relacionados coa exposición e que se dirixe ao público en xeral. Haberá tamén concertos de música, cinefórums que expliquen a pegada deixada polos ordenadores no celuloide e conferencias varias. Ademais, está prevista a elaboración dun obradoiro de xogos onde os nenos e maiores poderán xogar coas matemáticas e os ordenadores, comprendendo o seu interior e o seu funcionamento.
Logo da súa inauguración en Santiago a finais de xaneiro, en datas aínda non concretadas, a mostra percorrerá todas as sedes de Caixanova en Galicia para rematar a súa itinerancia no Campus de Lugo.