Executivas de Galicia asesorará a Escola de Relacións Laborais do campus de Lugo e financiará seis matrículas do Máster Paulo Fabio de Recursos Humanos

A Asociación Executivas de Galicia, un colectivo presidido por Carla Reyes Uschinsky e integrado por mulleres directivas, empresarias, emprendedoras e autónomas, ofrecerá asesoramento á Escola Universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo en aras a mellorar o nivel de competencias e o grao de empregabilidade das tituladas egresadas, segundo se recolle no convenio asinado este martes entre a presidenta de Executivas de Galicia e o presidente da Fundación Campus Universitario de Lugo, Jaime Luis López Vázquez.
O acordo de colaboración entre ambas entidades contempla como obxectivos potenciar as habilidades directivas e de liderado das traballadoras galegas, ademais de conseguir unha maior presenza da muller favorecendo a súa participación en ámbitos de responsabilidade e mellorar a súa empregabilidade.
Executivas de Galicia comprométese asemade a través deste convenio a estudar xunto coa Escola Universitaria de Relacións Laborais do campus de Lugo as necesidades formativas advertidas polo citado colectivo profesional, a fin de elaborar propostas formativas acaídas para satisfacer estas eivas.
Executivas de Galicia obtén tamén a través deste acordo a posibilidade de propoñer á Fundación Campus Universitario de Lugo 6 alumnas, que obterán facilidades económicas para a realización do Máster Paulo Fabio en Dirección de Recursos Humanos, un título de posgrao que tamén se imparte no centro universitario lugués.