Novo éxito do Club Debate Compostela

O debate universitario galego volve estar de celebración tras un novo éxito dos integrantes do Club Debate Compostela (CDC). Tras o campionato e subcampionato obtido hai unhas semanas en Madrid, agora outros tres universitarios da entidade proclamáronse subcampións de España no I Torneo de Debate Académico da Universidade de Murcia.
Á cita asistiron equipos de universidades de diferentes lugares de España como Selecta, Málaga, Madrid, Barcelona ou Valencia, que tiveron que argumentar se debería estar xustificado o uso do burkini e outros elementos análogos en espazos públicos. A dificultade destes torneos radica en que os debatentes deben preparar a postura a favor e en contra, xa que un sorteo antes de iniciar o debate determinará que defenderá cada equipo.
Os estudantes de cuarto curso de Xornalismo David Gómez, lugués de 21 anos, e Lida Lareo, naronense tamén de 21, e o bueués Pedro Martínez, de 20 anos e de terceiro de Medicina, venceron un total de 6 dos 8 debates que disputaron. As súas únicas derrotas foron en fase de grupos e na propia final contra os gañadores, a Universidade de Barcelona, onde o equipo galego defendeu a postura en contra da prohibición.
Ademais do subcampionato, tanto Lidia como Pedro foron galardoados co premio á mellor conclusora e mellor segundo refutador do torneo, respectivamente. Na competición tamén participou un segundo equipo de mozos da USC, que non conseguiu superar a fase de grupos.