Experiencias emprendedoras con nome de muller

A bo seguro poucas persoas saiban que a máquina para lavar pratos, oscueiros impermeables e con broches adhesivos, as toalliñas desmaquilladoras, o fío dental precurtado, a mesa de decantamento de champañas, o líquido corrector mecanográfico ou as PDAs actuais sexan inventos de mulleres. Tampouco é ben coñecido que a finais do XIX houbo unha candidata á presidencia dos Estados Unidos que fundou a súa propia axencia de bolsa, que tamén era muller a segunda persoa en sobrevoar en solitario o Atlántico ou que no campo de batalla da Guerra Civil española unha cámara fotográfica atrapaba con ollos de muller imaxes desgarradoras. Son todas mulleres emprendedoras, coñecidas e non tanto, que contribuíron de maneira global ao benestar, riqueza e futuro da sociedade e a quen lles pon nome hoxe o programa Woman Emprende da USC, que inaugurou este xoves no Claustro do Colexio de Fonseca a exposición ‘Con nome de muller’. Participaron o reitor Juan Casares; a secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva Hermo; e a arquitecta e emprendedora María Luisa García Gil, que fixo partícipe aos presentes da súa experiencia persoal. A mostra quere deixar constancia do dobre esforzo da muller ao longo da Historia para facerse un oco nun mundo de homes e vencer unha morea de impedimentos legais e prexuízos sociais e de xénero. O emprendemento como actitude vital, derrubar barreiras e aproveitar oportunidades son as tres claves que con exemplos concretos se ofrecen na exposición que a partir do 2 de novembro comezará un percorrido por distintos centros universitarios ao longo de todo o curso. Grandes e pequenas historias ‘Con nome de muller’ fala de grandes emprendedoras pero tamén de pequenas historias que constrúen o día a día na vida, nos negocios, na investigación ou na Universidade. As artesanías rurais, os cultivos especializados, as tarefas domésticas, as habilidades creativas, os oficios familiares ou as propiedades serviron como punto de partida na aventura empresarial, que pode facerse en solitario pero tamén en rede como fixeron as oleiras de Portomourisco e do Seixo, as panadeiras do Porriño, Cea ou Carral e as palilleiras de Camariñas. Pequenas ideas de mulleres emprendedoras que deron en compañías de renome como Hazel Bishop, Benetton, Pepperidge Farm, Aluminium Company of America (ALCOA), Whirlpool, Clafin & Co., The Body Shop ou Coco Chanel. En definitiva, experiencias emprendedoras con nome de muller.