Ir o contido principal

Experiencias universitarias en Lugo e Oporto da man do grupo Xuvenciencia da USC

Profesores e participantes no Campus de Verán Xuvencencia, na Universidade Junior de Porto
Profesores e participantes no Campus de Verán Xuvencencia, na Universidade Junior de Porto
Catro estudantes de Lugo, Ourense, Vilaba e Vigo participan esta semana programa ‘Verâo em Projeto’ da Universidade Junior de Porto

O grupo Xuvenciencia do Campus Terra da USC financia a participación de catro estudantes preuniversitarios procedentes de diferentes centros educativos de Lugo, Vilalba, Ourense e Vigo na Universidade Junior de Porto, unha das máis importantes e prestixiosas universidades para nenos e mozos de Europa, con máis de 5.000 participantes cada ano e centos de proxectos cuxa temática abrangue todas as áreas do coñecemento.

Os catro estudantes galegos que participan desde hoxe ata o 15 de xullo no programa da Universidade Junior de Porto ‘Verâo em Projeto’, Ana Acosta Veiga, do Colexio Mariano de Vigo; Victoria Díaz Paderne, do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba; Adriana Moreiras Blanco, do Colexio Maristas de Ourense, e Darío Pérez Céspedes, do Colexio San José de Lugo, obtiveron praza para gozar desta experiencia preuniversitaria na Universidade Junior de Porto durante a súa estadía do Campus de Verán Xuvenciencia 2016, celebrado durante a última semana de xuño no Campus Terra da USC. Acompañados de profesores e investigadores do grupo Xuvenciencia da USC, que cubre todos os gastos derivados da inscrición e aloxamento, os catro mozos e mozas beneficiarios/as deste programa de intercambio sumáronse xa este luns ao resto dos participantes neste programa da Universidade Junior. Durante a súa estadía na cidade lusa, estes catro estudantes preuniversitarios galegos, que tamén están acompañados de profesores da USC adscritos ao grupo de investigación Xuvenciencia Maribel Quiroga, Mercedes Novo e Wajih al Soufi, desenvolverán actividades desde as 9:30 ata as 18:00 horas. Unha vez rematada esta quenda de actividades programadas, todas os mozos e mozas estarán acompañados de monitores e responsables da Universidade Junior de Porto e poderán gozar coas distintas actividades de lecer preparadas ata a hora de durmir. As actividades e obradoiros nos que se participarán estes catro estudantes galegos durante a súa estadía na Universidade Junior de Porto abranguen áreas temáticas diversas, en función das súas inquedanzas ou intereses. Daquela, cómpre sinalar que os representantes galegos participarán en Portugal en programas de psicoloxía, materiais do micromundo do corpo humano, ADN, Química en acción, Química biolóxica espectacultar, ‘Dr House dos peixes’, xenética, enxeñaría e competición, astronomía e Filosofía e cidade. O grupo Xuvenciencia da USC reforza a través deste intercambio de alumnado a súa presenza na Universidade Junior de Porto a colaboración xa comezada hai meses entre dúas institucións que están integradas na rede europea European Children´s Universities Network (Eucu). Antes desta experiencia de intercambio, a colaboración entre o grupo Xuvenciencia e a Universidade Junior de Porto xa posibilitou que catro estudantes portugueses participaran en Lugo desde finais de xuño no Campus de Verán Xuvenciencia 2016 a través doutro programa de intercambio de alumnado. Particpantes galegos nun programa estival da Universidade Junior de Porto

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.07.2016.