O experto en economía agraria e políticas rurais Paul Brassley imparte esta semana un seminario na USC
Organizado polo Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural da USC (Histagra) en colaboración co grupo GESPIC da Facultade de Ciencias Económicas, o experto da Universidade de Exeter (Reino Unido) Paul Brassley impartirá este mércores 12 un seminario en Santiago. Na súa intervención, ás 12.00 horas na Aula 4 da Facultade de Económicas, falará do comercio internacional de produtos agrícolas na Segunda Guerra Mundial e o papel de España como un estado neutro. Paul Brassley acadou o seu Bachelor of Science (BSc) en agricultura e economía agraria na Universidade de Newcastle upon Tyne para logo marchar á Escola de Historia Moderna da Universidade de Oxford onde baixo a supervisión de Joan Thirsk escribiu unha tesiña sobre a economía agraria do Noroeste de Inglaterra no período 1640–1750. Este traballo foi posteriormente publicado na colección de Historia Económica Británica Moderna por Garland Press, conformando tamén a base do que sería o Volume V da Historia Agraria de Inglaterra e Gales. En 1974 foi nomeado lectureship en Economía Agraria no Seale–Hayne College de Devon, que máis adiante pasou a formar parte da Universidade de Plymouth. Do mestrado de Brassley destaca o seu manual A Economía Agraria e a PAC: unha introdución (Blackwell, 1997).