Ir o contido principal

Un experto en mellora de procesos de desenvolvemento de software explicará no CiTIUS o modelo de calidade CMMI

O experto en mellora de procesos de desenvolvemento de software José Luis Iparraguirre visita este xoves 24 o CiTIUS para pronunciar unha conferencia sobre o modelo de calidade CMMI (Capability Maturity Model Integration – Integración de Modelos de Madurez de Capacidades). Serán o salón de actos do CiTIUS ás 18:00 horas. Na conferencia discutiranse as singularidades que caracterizan os actuais proxectos de investigación e precompetitivos e que os diferencian dos proxectos de desenvolvemento e enxeñaría convencionais. Como explicará, o estándar CMMI preséntase como unha oportunidade para tratar con proxectos cada vez máis complexos debido á integración de equipos humanos multidisciplinares e ás restricións derivadas do uso compartido de sofisticados equipos e materiais. Ademais, axuda no seguimento da validez dos obxectivos definidos e permite adaptalos en caso necesario ás expectativas cambiantes da súa contorna. Iparraguirre falará das orixes do CMMI, nun repaso das persoas e circunstancias que o axudaron a definir, e afondará nas prácticas necesarias para a xestión eficiente dos proxectos e o desenvolvemento de produtos de calidade. A conferencia centrarase nos niveis intermedios do CMMI: o 2 –que aborda a xestión– e o 3 destinado a avaliar o rigor na enxeñaría. Non obstante, proporase tamén unha reflexión sobre a adecuación a este tipo de proxectos dos niveis de madurez máis altos (4 e 5). Iparraguirre José Luis Iparraguirre iniciou a súa exposición ao modelo CMMI en 1988 e dende 1994 traballa como consultor para a mellora de procesos de desenvolvemento de software, de sistemas, para a presentación de servizos e para adquisición de proxectos e sistemas.

Nos últimos cinco anos realizou 25 avaliacións de alto nivel nos Estados Unidos, Xapón, Rusia, Ucraína, México, Nova Celandia, Arxentina, Uruguai, Chile, España e Portugal; e 60 de niveis 2 e 3 en Inglaterra, Alemaña, Suíza, Brasil e Sudáfrica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.01.2013.