Ir o contido principal

Expertos de América Latina e o Caribe debaten en Santiago sobre pobreza urbana

Organizado pola cátedra Bolivar da USC e a Fundación Araguaney-Puente de Culturas, os días 24 e 25 de novembro terá lugar o seminario ‘Pobreza urbana en América Latina e o Caribe’ co obxectivo de estudar a situación desde unha perspectiva rexional, comparativa e multidisciplinar. O encontro desenvolverase no Salón Olivo do Hotel Meliá Araguaney de Santiago.
Partindo da premisa de que a pobreza está no centro dunha problemática que afecta ao concepto incluso de cidadanía e propicia unha perda de lexitimidade das institucións públicas e xera unha gobernabilidade débil, expertos internacionais extrapolarán a cuestión a exemplos concretos de América Latina como Uruguai, Brasil, Arxentina, México e Cuba.
No seminario analizarase como operan as complexas relacións entre pobreza, exclusión e migracións, qué acoplamentos requiren as políticas públicas para reducir a pobreza a curto prazo e para axudar a que os réximes democráticos sexan sustentables.
O acto de apertura terá lugar o martes 24 ás 10:00 horas e contará coa presenza do vicerreitor de Economía, Financiamento e Infraestruturas da USC, Miguel Vázquez; o director da Cátedra Bolívar da USC, Luís Caramés; e o presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Jaber Ibrahim.
Nos dous días do seminario intervirán investigadores e expertos das Universidades de Santiago de Compostela, La Habana, Los Andes (Mérida), Unisantos (Brasil), UCES (Arxentina), ORT (Uruguai) e da UNAM (México); así como do Centro de Estudos Americanistas ‘Gumersindo Busto’ da USC, de Intermón Oxfam e da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.11.2009.