Ir o contido principal

Expertos en calorimetría participarán toda a semana nun curso na Facultade de Ciencias

Desenvolverase no Campus de Lugo ata o día 24

Os investigadores do Campus lugués poderán gozar ao longo desta semana da presenza de numerosos investigadores procedentes de toda España que asistirán ao X Curso de Análise Térmico e Calorimetría Aplicada, iniciado este luns 20 en Ciencias. Ao acto inaugural asistiron o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; a presidenta do Grupo Especializado de Calorimetría e Análise Térmico (GECAT), Victoria Roux; e o decano de Ciencias e tamén vicepresidente do Gecat, Francisco Fraga.
Trátase dunhas xornadas anuais e itinerantes que este ano se celebran no centro lugués, organizadas polo Gecat, e que permitirá amosar aos investigadores que parte dos estudos que se están a elaborar “se poden caracterizar mediante estas técnicas”, explicou o decano de Ciencias.
O curso, que se prolongará ata o venres 24 e está dirixido a todos os expertos e estudantes da EPS, terá como obxectivo dar a coñecer as aplicacións da análise térmica en ámbitos tan diferentes como a industria téxtil, a conservación de alimentos, os materiais de construción ou os sistemas de refrixeración.
As xornadas “non serán soamente teóricas”, indicou Francisco Fraga, “senón que terán unha parte práctica onde se poderá ver algunhas das diferentes aplicacións que ten a calorimetría”, proseguiu.
Fraga destacou a importancia desta técnica sobre todo no ámbito industrial, “porque hoxe en día, nas empresas de I+D+i están moi presentes e esíxeselles aos profesionais o seu coñecemento e manexo”.
A constitución do GECAT foi o resultado do interese de numerosos profesionais de universidades, entre as que se atopa a USC, centros de investigación e empresas públicas e privadas distribuídas por toda a xeografía española, que viñan facendo uso de técnicas de análise térmico.
As persoas interesadas en obter máis información sobre a programación prevista para estes días poden consultar a páxina http://www.ucm.es/info/rsef/gecat/programa.doc.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.04.2009.