Ir o contido principal

Expertos debaten na USC sobre o Diploma 'Le français des affaires'

A Área de Filoloxía Francesa do Departamento de Filoloxía Francesa e Italiana da USC organiza esta semana un seminario sobre o Diploma ‘Le français des affaires’ (DFA), recoñecemento establecido pola Cámara de Comercio de París que certifica bos coñecementos de francés empresarial así como aptitudes prácticas e teóricas en diferentes áreas económicas e empresariais.
O encontro, que se prolongará ata o 10 de novembro, será inaugurado este martes, día 6, ás 18:00 horas na Cámara de Comercio de Compostela polo agregado de cooperación para o francés da Embaixada de Francia en España, Adelino Braz.
Neste seminario participarán profesores de Universidades francesas, alemás, portuguesas e españolas. Todos eles analizarán a comunicación empresarial, metodoloxía de ensinanza nos cursos para obter o Diploma ‘Le français des affaires’, a situación deste programa en Galicia, os proxectos de e-learning, o discurso na linguaxe comercial ou ‘Le français des affaires’ nos planos de estudo das Universidades españolas.
O DFA pode realizarse en diversos lugares do mundo, en institucións culturais francesas, institutos da Alliance Francaise, universidades e escolas públicas ou privadas, academias de lingua ou centros educativos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.11.2007.